Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

PROMOCIÓN ECONÓMICA

Sánchez Bugallo: "o talento humano é un elemento clave na innovación e no desenvolvemento"

21/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou na inauguración de Talentia Summit'19, que o "talento humano é o elemento clave na innovación e no desenvolvemento". No acto tamén interviron a ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Para Santiago, sinalou Sánchez Bugallo, a única forma de liderar o futuro é que as novas xeracións teñan un emprego de calidade. Engadiu que Talentia Summit é unha aposta por situar Compostela, "no cerne, no núcleo de reflexión e acción arredor do talento e das novas formas de emprego." "A nosa óptima situación xeográfica dentro de Galicia; o equilibrio do noso tecido produtivo -integrado por pequenas e medianas empresas que son potenciais xeradoras de emprego hoxe e para o futuro próximo-, o sector cultural, o turismo ou o ámbito sanitario, entre outros, cunha Universidade especializada e punteira; todo isto debe situar a Santiago" dixo, "nun centro de oportunidades".

Nadia Calviño sinalou que a educación é un elemento clave para o desenvolvemento do talento. E nun mundo cada vez máis competitivo é moi importante, dixo, aproveitar e xestionar correctamente un dos activos máis importantes do noso país: o talento. A ministra tamén se referiu á transformación dixital. Sinalou que en España temos un crecemento estable e con uns fundamentos da economía máis sólidos ca en períodos anteriores. Pero existen desafíos. Enumerou as taxas de paro, os altos indicadores de desigualdade, cambio climático, o desafío tecolóxico e o despoboamento. Para encarar isto apelou á sensibilidades social e reformas que permitan "seguir medrando de xeito sostible. Reformas clave como a transformación dixital da economía, e a capacitación dixital da sociedade a través da formación.

Na súa intervención o presidente da Xunta destacou o talento que existe en Galicia en diversos ámbitos. No política "exportamos unha ministra", dixo referíndose a Nadia Calviño. Destacou tamén os logros no deporte e os avances da industria galega en sectores como automoción ou aeronáutica. Para Núñez Feijóo cómpre buscarlle partido. Para iso é preciso, explicou, buscar referentes; avanzar nas novas tecnoloxías, no que se está a traballar desde a formación e a innovación; e un papel activo das administracións públicas.

Na primeira intervención, de benvida, o alcalde explicou que existe unha total coincidencia entre as persoas expertas, sobre cales serán os factores que máis impactarán na xestión do talento no horizonte 2030. En primiro lugar, enumerou a dixitalización das empresas; en segundo lugar, o incremento da competitividade e a innovación; e en terceiro lugar a Responsabilidade Social Empresarial e os novos valores. Sobre estes asuntos, Sánchez Bugallo convidou á reflexión.

José Luis Pérez Pla, consultor director en Cegos e responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica na súa ponencia "A xénese do "talentum", desde unha unidade monetaria ao motor das organizacións e a sociedade", sinalou que o talento ten valor, e que todas as persoas o teñen. Hai que descubrir, dixo, ese talento, suma de habilidades, coñecemento e sobre todo de aptitudes", abrirlle as portas. Rematou incidindo: "desarrollemos e traballemos ese talento".

Miguel Ángel Ruiz, Brand Strategy & Innovation Senior Manager de Samsung España disertou sobre "A misión dunha compañía tecnolóxica líder nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital". Sobre as novas tecnoloxías sinalou que aínda "non estamos preparados", sobre todo a nivel de formación. E que as prazas a nivel laboral en España e en Europa non se cubren.

Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030 impartiu a ponencia "Axenda 2030, acción de goberno e políticas públicas". Nela lembrou a importancia de conciliar as axendas urbanas, coas políticas sociais, económicas e medioambientais para, con talento, educación e creatividade, acadar un futuro para este mundo tan desigual.

Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell, conversou coa presentadora Silvia Jato sobre coñecemento, innovación e talento, como piares do cambio. Mulero sinalou que hai moito talento feminino, o que permitirá "romper os teitos de cristal".

Jaime de Nardiz Pérez, director de diagnóstico cultural de Great Place to Work falou sobre "Competencia universal polo talento, tendencias presentes e futuras para a xestión de persoas". Destacou, en concreto, a importancia do lugar de traballo na expresión do talento: persoal implicado, asignación correcta de funcións, cumprimento de promesas e recoñecemento do traballo.

Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera, S.A buscou respostas á pregunta, "Que pasos seguimos para ser un mellor lugar onde traballar?" Asegurou que "implantar una cultura de empresa orientada cara as persoas precisa do compromiso da dirección, pero é un labor de todos os empregados" Cómpre, engadiu, "integrar ás persoas mesa estratexia".

A ponencia final impartiuna Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico. Baixo o título "Nunca fixeramos cambios tan rápidos nas nosas vidas, pero xamais volveremos ir tan despacio", disertou sobre a velocidade dos cambios tecnolóxicos co exemplo do 5G e as novidades que traerá a nivel social. "O pasado é historia e o futuro apaixoante. Aproveitade o momento actual", rematou

Xa mañá, celébrase a Feira Talentia, no marco do Talentia Summití19, que permanecerá aberta aberta ata o mércores. No Palacio de Congresos vanse dar cita máis de cen empresas, 70 delas reclutando talento. En total hai 300 ofertas de emprego, para cubrir máis de mil postos de traballo; ademais de 660 prazas para accións formativas, e 21 accións para a obtención de certificados oficiais, como probas de inglés de Oxford, Excel 2016, Adobe Photoshop, Scrum Manager, Unity ou Microsoft Azure, entre outras.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org