Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ACCIÓN CULTURAL

Mercedes Rosón destaca, nas xornadas "Cultura e Autismo", a importancia das experiencias artísticas para as persoas con TEA

22/10/2019

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou esta mañá na xornada "Cultura e Autismo", que se desenvolveu no CGAC. O obxectivo do encontro era reflexionar sobre a presenza de persoas con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo) nos espazos culturais. Mercedes Rosón sinalu que "é preciso visualizar a importancia das experiencias artísticas para as persoas con autismo. Concienciar da importancia de seguir investigando con estas ferramentas que tan bos resultados están dando". A cultura, engadiu "ábrenos e ábrelles a porta da comunicación como paso previo á súa integración social".
Segundo sinalou a concelleira, "o pensamento no autismo precisa de elementos gráficos para comprender as relacións abstractas que fundamentan procesos cognitivos complexos, incluídas as relacións sociais". Precisa, engadiu Mercedes Rosón, "de imaxes concretas para dar significado a unha idea, a unha emoción. E iso atópano na cultura en todas as dúas vertentes: na pintura, no debuxo, na expresión corporal, na lectura… A arte como medio de expresión é un xeito de comunicarse co mundo que os rodea".

No encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, distintos profesionais da cultura achegaron posturas sobre a situación actual dos espazos e equipamentos culturais en relación ás persoas con autismo, debatendo como abordar a súa singularidade e compartindo diferentes experiencias e modalidades de intervención cultural. Tamén se presentou o número XXIII de "Maremágnum. Cultura e Autismo", unha revista que, tal e como explicou Anxo Lorenzo, "é unha publicación galega de referencia" sobre o TEA, na que ademais dáse conta, a través dos autores, da importancia da inclusión e accesibilidade a través da cultura e nas institucións culturais.

A xornada estivo organizada pola Federación Autismo de Galicia co apoio da Xunta. Esta federación ven traballando, desde o ano 1995, con persoas con Transtornos do Espectro do Autismo e coas súas familias; axudándoos, e defendendo os seus dereitos e necesidades. Representan a máis de 7.000 persoas agrupadas en 15 entidades.

A cita incluíu tamén a conferencia A comunicación e a información na cultura, a cargo de Moisés de Lemos Martins, catedrático da Universidade do Minho e director do Centro de Estudos de Comunicaçao e Sociedade, e as ponencias Ti en min, eu en ti. Museos con Todxs, a cargo de Encarna Lago, xerente da Rede Museísta de Lugo, e de Carolina Casal, museóloga e conservadora, e Empower Parents. Conquistando espazos comúns, de Laura Donis, directora do proxecto Empower Parents.

Macarena Blanco, psicóloga da Fundación Menela, e Lidia Reyes, psicóloga de Aspanaes, foron as encargadas de pechar a xornada afondando nas experiencias culturais que se ofrecen nos centros e servizos membros da Federación Autismo Galicia.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org