Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

PLENO

O Pleno do Concello acorda unha declaración institucional reclamando para Santiago un xulgado específico sobre violencia de xénero

24/10/2019

O Pleno do Concello, que comezou cun minuto de silencio polas últimas vítimas de crimes machistas; acordou unha declaración institucional na que os grupos municipais de PSdeG_PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG, solicitan a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago. No primeiro semestre de 2019 rexistráronse en Galicia 1.763 denuncias por violencia machista, un 38,44 por cento máis que no mesmo período do ano pasado.
En 2018 asináronse en Santiago 159 sentenzas por violencia machista a través do Xulgado de Instrución número 3, o encargado de tramitar, no noso concello, as denuncias por violencia de xénero. Segundo a última memoria publicada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en 2017 esta sala iniciou 2.956 casos, resolveu 3.453, e deixou pendentes 501. Estes datos evidencian a enorme carga de traballo que acumula.

Ademais, a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, aprobada en 2014, e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, apostan por garantir a especialización no tratamento das denuncias por violencia machista.

Tanto a evolución do número de denuncias por violencia machista, como a acumulación de causas no Xulgado de Instrución número 3, e as recomendacións para o tratamento especializado destes casos, con procedementos de instrución moi complexos, xustifican, segundo a corporación municipal, a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago. E no caso de que non concorran as condicións obxectivas para crealo, ampliar o seu ámbito territorial de actuación que abranga outros partidos xudiciais da nosa contorna máis próxima.

CONSELLO MUNICIPAL PARA AS PERSOAS MAIORES
O Pleno do Concello tamén aprobou unha moción conxunta de todos os grupos municipais para a creación do Consello Municipal para as Persoas Maiores. Sería un órgano de participación sectorial, con funcións de información, e no seu caso de proposta de accións. Tería como finalidade a de traballar conxuntamente entre as partes, para acadar un maior nivel de benestar, así como a integración social das persoas maiores no noso municipio.

Neste momento hai en Santiago de Compostela ao redor de 26.000 persoas maiores de 60 anos. Segundo especifica o texto da moción, non se pode obviar a súa realidade social, as súas necesidades, as súas valoracións e perspectivas e tampouco as súas potencialidades. Por iso, PSdeG_PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG, propoñen crear o Consello Municipal de Persoas Maiores como órgano de participación sectorial, con carácter consultivo e asesor nas materias relacionadas co seu ámbito. Unha vez constituído e aprobado o seu regulamento, o seu obxectivo sería facilitar a participación de entidades e grupos sociais que traballan a prol do benestar do colectivo coa finalidade de contribuír a unha comunidade forte, cohesionada e plural, da que todos os veciños e veciñas formen parte como membros activos dela.

MODIFICACIÓN PXOM
No pleno tamén se deu luz verde á aprobación inicial da modificación puntual do PXOM en execución das sentenzas anulatorias do polígono 11. Castiñeiriño, segundo o proxecto formulado pola Sección Municipal de Planeamento en outubro de 2019. A modificación ten por obxecto suprimir o citado polígono, categorizando os terreos afectados como solo urbano consolidado, e definir a súa cualificación e ordenación detallada nos termos esixidos na Lei do Solo de Galicia. Votaron a favor o Grupo Socialista e Compostela Aberta. Os grupos do PP e BNG abstivéronse.

As sentenzas anulan parcialmente as determinacións do vixente PXOM no que atinxe á inclusión de parcelas concretas no ámbito do polígono de solo urbano non consolidado P-11(Castiñeiriño), declarando que as parcelas afectadas deben recibir consideración de solo urbano consolidado. A anulación obrigou a revisar a delimitación do polígono, e analizar distintas alternativas de ordenación, tanto nas parcelas afectadas como nos restantes terreos co fin de asegurar a necesaria coherencia e integración da ordenación resultante. Unha vez aprobado, o expediente deber ser sometido a información pública durante o prazo de dous meses.

Tamén se aprobou as propostas da concellaría de Urbanismo relativa á ampliación de usos autorizados nas reservas dotacionais RE-4 Polígono 3 do Plan parcial de Fontiñas; e na DM-6 de Triacastela, co obxectivo de poder construír dous aparcadoiros, como actuación complementaria ás obras de mellora dos accesos a cidade dos Camiños de Santiago que se están a realizar en colaboración coa Xunta de Galicia. O aparcadoiro de Triacastela está previsto para 35 prazas, e o de Fontiñas, para un centenar. As dúas propostas aprobáronse por unanimidade.

MOCIÓNS
Entre as mocións aprobadas, figura a presentada polo BNG, para controlar a expansión de xogos de apostas que afectan á economía local e poden causar ludopatía. O Grupo de Goberno formulou unha pequena emenda ao texto proposto no punto 4 relativo á prohibición de publicidade sobre apostas nas instalacións municipais de demais soportes procedentes do concello.

Así, comprometéronse a que, a partir de agora, todos os contratos de cesión e pregos pregos de condicións que poidan supor ou soster calquera soporte publicitario levarán expresamente esta prohibición. Pero, ao non poder asegurar que isto poida executarse con carácter retroactivo, solicitaron nun informe xurídico para que quede resolto, que é ao que se referían na citada emenda. Tamém foi emendada polo PP, que se abstivo na votación.

Tamén saíu adiante por unanimidade, a moción do BNG para activar medidas que dinamicen o mercado de alugueiro en Santiago; e a moción para a prevención da violencia de xénero e agresións sexuais con motivo do 25 de novembro. E a moción do PP para a elaboración dunha auditoría das instalacións deportivas municipais.

PROPOSTAS
Entre as proposicións que saíron adiante, figura a do BNG, emendada polo PP, na que se insta ao Concello de Santiago a realizar as xestións oportunas para a creación dun Centro do Patrimonio visual en Compostela que sirva como punto de referencia para arquivar, investigar e difundir este patrimonio. Aprobouse por unanimidade.

Tamén se aprobou por unanimidade a proposición do BNG para impulsar, en colaboración co asociacionismo e comerciantes, o comercio de proximidade. O alcalde sinalou que compre revisar o actual plan de comercio local, vixente ata 2021, para aproveitar mellor as dúas potencialidades e adecualo á realidade existente, onde a ameaza é o comercio on-line. A portavoz de BNG explicou que as principais reivindicacións dos comerciantes eran os aparcamentos e os servizos de conciliación. Xosé Sánchez Bugallo, na segunda quenda de palabra, solicitou unha maior implicación dos comerciantes neste impulso que se lle pretende dar ao sector.

E deuse luz verde a proposición do PP para executar investimentos na cidade en 2019 e 2020 por un importe de 5 millóns de euros, procedentes do superávit, e se cumpra cos prazos de pagamento a autónomos e empresas.

A última moción aprobada foi a presentada, por vía de urxencia, polo PP, cunha emenda de substitución do Grupo Municipal Socialista, para amosar o apoio da Corporación ao labor dos corpos e forzas de seguridade do Estado en Cataluña como garantes do Estado de Dereito.

Nela declárase a firme condena aos actos violentos protagonizados nos últimos días por elementos radicados en Cataluña, manifestar a súa solidariedade e alento coa cidadanía que está sufrindo esta situación, e amosar o apoio aos Corpos e Forzas de Seguridade, pola súa profesionalidade na defensa e protección dos dereitos e liberdades de todos.

ROGOS
O Grupo Socialista apoiou o rogo do PP de homenaxear a figura e memoria de Jesús Conde, quen fora durante 35 anos presidente da Sociedade Deportiva de Villestro. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, propuxo porlle o nome de Suso Conde ao campo de fútbol.

Ademais, a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro atendendo ao rogo do BNG e dos veciños da Trisca, traslada o compromiso do Goberno local de traballar para mellorar as condicións de habitabilidade da zona.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org