Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

URBANISMO E VIVENDA

O alcalde de Santiago aposta por retomar a política de vivenda de protección oficial coa construción de 200 pisos protexidos

30/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, mantivo unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez. O rexedor reiterou a intención do Goberno local de mobilizar as reservas de solo que dispón o Concello para vivendas de protección autonómica e promoción pública. "Queremos sacar cando menos 200 vivendas protexidas para o ano que vén", explicou. A estas sumaríanse outras 84 vivendas en tramitación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos ámbitos do Castiñeiriño e de Xoán XXIII.

Foi unha xuntanza marcada polo "clima de colaboración e de lealdade institucional", na que Sánchez Bugallo demandou a colaboración da Xunta para "retomar a política de vivenda de protección oficial e de promoción pública" en Santiago de Compostela. O Concello, segundo apuntou, ten parcelas dispoñibles en solos xa urbanizados como os números 5, 12, 13, 14 ou 22, e indicou que hai demanda de cooperativas para desenvolver algúns deles.

Tanto o alcalde como conselleira apostaron por "retomar a política de vivenda" que "estivo desaparecida" nos últimos anos, pero que esperan "mobilizar" para promocionar "a vivenda de protección autonómica e pública" nas áreas de Xoan XXIII, O Castiñeiriño e San Lázaro.

Bugallo destacou a súa intención de "recuperar o desenvolvemento" deste tipo de políticas, "a un ritmo máis pausado" que anteriormente, para poder ofrecer "vivendas alcanzables para as persoas traballadoras" que agora se están vendo afectadas o problema que xorde cos pisos turísticos, entre outros factores. E lembrou que "Santiago foi referencia en política de vivenda durante moitos anos, e grazas a promocións propias e a través de convenios co IGVS, entre 1999-2011 promovéronse 13 polígonos con 4.200 vivendas. Poucas cidades en España e ningunha do noso tamaño pode presumir desas magnitudes".
Ánxeles Vázquez explicou que o obxectivo é que en Santiago non se poida dicir "que non hai vivendas para comprar ou alugar" e que, ao mesmo tempo, sexa posible "acceder aos terreos e domicilios baleiros". Neste sentido, será o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o que determine cales son as edificacións que conten con esa cualificación e cales non. Polo momento, a Xunta destinou 118 millóns de euros dos seus orzamentos para que Galicia poida promocionar a vivenda pública. En concreto, para Santiago a Administración autonómica xa designou 700 mil euros para 24 construcións que teñen previsto contar cun proxecto básico listo para licitación no primeiro trimestre de 2020.

SOLO INDUSTRIAL

Concello e Administración autonómica tamén cooperarán para desenvolver o solo industrial da Sionlla. Segundo explicou o alcalde, "dispoñemos dun gran parque empresarial na Sionlla, con máis de 30 empresas instaladas e outra ducia tramitando a súa implantación. Isto xera demandas e necesidades, tamén vinculadas ao desenvolvemento do hub biotecnolóxico e da madeira". Por iso, demandou a Consellería a colaboración para "facer viable" este solo, con medidas como o acondicionamento do polígono ou a mellora dos servizos básicos".

Sobre esta cuestión, Ánxeles Vázquez indicou que se segue avanzando na posta a disposición de solo e en converter este polígono nun "referente no ámbito tecnolóxico", tendendo a man "a promotores e á USC para que sexa unha realidade".

DEPURADORA

Se ben non foi un tema específico tratado na reunión, o alcalde anunciou que o vindeiro 5 de novembro está prevista en Madrid unha xuntanza na que as nove empresas que participan no procedemento de diálogo competitivo para a construción da nova depuradora da Silvouta presentarán os seus proxectos técnicos. Antes de final de ano deberanse preseleccionar catro empresas, que terán seis meses para presentar o proxecto técnico.

O alcalde reiterou o interese municipal en que a opción finalmente elixida se poida acoller ao procedemento simplificado de tramitación ambiental, co fin de "non perder os fondos europeos e non atrasar a obra". Deste xeito, o obxectivo sería licitar e comezar as obras en 2021


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org