Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ECONOMÍA E FACENDA

O concello de Santiago aproba, nun pleno extraordinario, a modificación das ordenanzas fiscais para 2020 presentada polo Goberno Local

31/10/2019

A Corporación Municipal aprobou, nun pleno extraordinario celebrado esta mañá, a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2020, proposta pol o Goberno Local a través da concellaría de Economía e Facenda, dirixida por Marta Abal. Foi con 14 votos a favor, e 10 abstencións. PSOE e Compostela Aberta apoiárona, e PP e BNG abstivéronse. O obxectivo desta modificación, segundo explicou o portavoz do grupo, Sindo Guinarte, é "manter a solvencia económica do concello, o equilibrio económico e financieiro, e reequilibrar ou redistribuír a carga fiscal na medida en que iso é posible dentro do marco legal".
A encargada de defender e explicar a modificación das ordenanzas foi a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Marta Abal destacou a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes. Unhas bonificacións ligadas, sinalou "á creación de emprego indefinido e de calidade".

A concelleira sinalou que o período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero, "pola importancia estratéxica para o desenvolvemento industrial de Compostela, as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira, son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos", engadiu. E reiterou que ditas bonificacións son consecuencia do compromiso do goberno municipal coa implantación de novas actividades económicas, en particular dos sectores das biotecnoloxía e da madeira, e das novas tecnoloxías; que xeren emprego indefinido e de calidade.

Durante a intervención, Marta Abal agradeceu "a aportación dos diferentes grupos municipais que dun ou doutro xeito contribuíron a enriquecer o texto final proposto".

O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega apoiou a modificación, entre outros argumentos, pola "corresponsabilidade na proposta presentada, e porque se asenta na progresividade fiscal e no reequilibrio territorial".

Desde o BNG, Goretti Sanmartín xustificou a abstención porque distintas propostas sociais presentadas foron rexeitadas na negociación. A concelleira Marta Abal explicou que non se aceptaron porque legalmente, tal e como establan plantexadas, non se podían aplicar.

O PP presentou varias emendas ás ordenanzas, todas rexeitadas polo pleno a excepción da número 6, sobre bonificacións de ata o 50% do imposto aos inmobles nos que se desenvolvan actividade de comercio minorista. Foi retirada. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, comprometeuse a estudiala. "O comercio é unha aposta estratéxica para nós. Pero o debate debe ser cualitativo, non cuantitativo". Para o rexedor, cómpre apoiar "o comercio tradicional, o comercio de calidade, independentemente da zona onde se ubique".

IBI

No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles) proponse a modificación do tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse, co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.

No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles, titularidade de corporacións de dereito público, nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación. Unha vez máis, subliñou a concelleira, "estamos ante unha clara aposta do goberno co tecido comercial e industrial do concello de Santiago de Compostela".

IAE

No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.

ICIO
No ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) increméntanse as porcentaxes das bonificacións para fomentar a construcións de vivendas de protección autonómica, que pasan do 30% ao 50%; e as porcentaxes de bonificacións para fomentar o acondicionamento e adaptación das construcións existentes para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade. Neste caso a porcentaxe actual do 50 por cento pasado ao 75%.

AXUSTES

As ordenanzas fiscais tamén propoñen distintos axustes das normas de xestión tributaria co obxecto de incrementar a seguridade xurídica e a simplificación administrativa.

Por exemplo, en varias ordenanzas proponse que o órgano competente para a concesión dos beneficios fiscais sexa a concellaría delegada de Facenda en lugar da Xunta de Goberno Local. O feito de ter que someter o expediente á decisión dun órgano colexiado como a Xunta de Goberno Local ocasiona demora na tramitación administrativa e carga adicional no traballo do persoal municipal, co conseguinte prexuízo para a cidadanía. Desta modificación exceptúanse os beneficios fiscais nos que a normativa vixente lle asigna a competencia ao Pleno para a declaración do interese e utilidade.Neste caso corresponderalle ao pleno a culminación do expediente, coa correspondente concesión ou denegación da bonificación.

Outro exemplo é a ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección de tributos. Segundo explicou Marta Abal, no relativo ás garantías esixidas nas solicitudes de aprazamento e fraccionamento, e para facilitar o pagamento aos contribuíntes que teñen votade de pago pero atopan dificultades para obter un aval bancario, increméntanse os importes dos tramos de débeda a partires dos cales é necesario presentar garantía e redúcese o número de entidades bancarias de tres a dúas para xustificar a imposibilidade de obter aval. Tamén coa finalidade de axilizar os procesos de xestión recaudatoria, increméntase o importe de 300 a 900 euros para a declaración de créditos incobrable sen necesidade de acudir a rexistros públicos.

Na ordenanza reguladora dos bens inmobles, proponse a implantación dun sistema de comunicación de alteracións catastrais. Deste xeito, a obriga que tiña o contribuínte de comunicar ao Catastro ditas alteracións, desaparece, recaendo agora na administración local.
E na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica elimínase, na tramitación de beneficios fiscais, a esixencia de que os interesados deben presentar documentos para acreditar datos aos que ten acceso o Concello, e amplíanse as opcións de acreditación da discapacidade en base á regulación autonómica.

Por último, na ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías), no relativo ás bonificacións por causa de morte, proponse incluír a referencia aos pactos sucesorios en aplicación da doutrina e xurisprudencia consolidadas, que os cualifica como negocio xurídico mortis causa a título lucrativo.

OUTROS PUNTOS DA ORDE DO DÍA

Na sesión tamén se aprobou inicialmente o regulamento de organización e funcionamento da Asesoría Xurídica, cos votos favorables de PSdeG-PSOE e Compostela Aberta e a abstención de PP e BNG; e a proposta da Alcaldía relativa á modificación das dedicacións exclusivas dos membros da Corporación.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org