Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

XUNTA DE GOBERNO

Sánchez Bugallo confía en convocar o novo concurso do servizo de auga no primeiro trimestre do 2020

04/11/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confía en poder convocar o novo concurso de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas no primeiro trimestre de 2020, co obxectivo de levar o saneamento ao rural da cidade e mellorar a rede naqueles lugares onde é necesario.
Asegurouno na rolda de prensa convocada para informar sobre os asuntos abordados na Xunta de Goberno Local, que aprobou a composición da Comisión da auga para o control da execución do contrato de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas. Este órgano, presidido pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, supervisará o contrato actual (xa extinguido na súa duración) e os pregos do novo contrato.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que o actual contrato de xestión do servizo está finalizado dende maio, e que o actual contrato "non é prorrogable, estamos cunha encarga de xestión e será necesario preparar toda a documentación para regularizar a situación". Engadiu o rexedor que será esa Comisión a encargada de "preparar a liquidación" do contrato finalizado e redactar o "prego de condicións para o novo concurso".

Sánchez Bugallo explicou que é necesario "estender o servizo" á zona rural, así como renovar "unha parte da rede" da cidade que é "bastante antiga". Cre que se tratará dun investimento enorme, que "non sabemos se o Concello está en condicións orzamentarias de asumir", subliñou o rexedor, que cifrou o custe nuns "50 millóns de euros".

O alcalde lembrou que a redacción dos novos pregos está pendente dun informe da situación da rede da auga e das súas necesidades de investimento, que espera que poida ser entregado antes de final de ano. Ademais, resaltou a importancia deste estudo ao asegurar que o prego "ten que ir ligado a eses investimentos e a unhas prioridades". De aí que, insistiu, "os pregos deban ir ligados ao investimento e a un prazo de amortización do investimento.

XUNTA DE GOBERNO

En materia de urbanismo, a Xunta de Goberno acordou o alleamento da participación municipal (59,95%) na parcela denominada Quinteiro (mazá) 2 do SUP-1 Romero Donallo, a favor da empresa Santiago Sur Galicia, SL, por un importe de 2.542.528,76 euros (sen IVE), ao ser a única oferta presentada e cumprir os requisitos dos pregos de aplicación. Deberá facer o ingreso desta cantidade máis IVE no prazo de dez días a partir do seguinte ao da notificación deste acordo.

Outro dos acordos foi a aceptación dunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. A achega, de 248.034,24 euros, permitirá a contratación de 11 traballadoras.

A proposta da concelleira de Mocidade, aprobouse o gasto e iniciouse o procedemento de contratación do servizo de xestión e programación de actividades do Centro Xove de Creación Cultural e locais municipais de música para a xuventude de Compostela, situados na Almáciga. O tipo de licitación é de 117.650,66 euros/ano máis IVE segundo o seguinte reparto: 11.863,11 euros para 2019, 142.357,30 euros para 2020 e 130.494,19 euros para 2021.

PREGUNTAS

Preguntado na rolda de prensa polos botellóns do pasado 31 de outubro, o alcalde indicou que é un problema que "non ten fácil solución", porque "a día de hoxe non temos os recursos humanos necesarios para facer fronte a situacións deste tipo". Neste sentido, referiuse á escaseza de efectivos policiais e á imposibilidade, por sentenza xudicial, de asignar horas extras obrigatorias. En calquera caso, recoñeceu que "o cadro de persoal dese día era insuficiente" e pediu "desculpas ás familias que viven no entorno".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org