Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde anima aos composteláns a votar o domingo en liberdade e por un goberno respectuoso coa democracia e coa orde constitucional

08/11/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, animou aos composteláns a votar en liberdade o vindeiro domingo, pero "reflexionando sobre o que queren e o país que queren a partir do 11 de novembro". O rexedor considera que un goberno sustentando por VOX sería "unha catástrofe nacional". Lembra Sánchez Bugallo as propostas da formación de ultradereita, de suspender as autonomías ou ilegalizar os partidos, claramente anticonstitucionais. Por iso pide que se vote "un goberno respectuoso coa democracia e coa defensa da orde constitucional".

Na rolda de prensa dos venres, asegurou "comprender" que moitos cidadáns poidan estar "frustrados" ou "enfadados" pola repetición electoral e polo feito de que o seu voto o 28 de abril non tivese "a eficacia que tiña que ter". "Pero enfadados, frustrados ou desgustados temos que votar", sinalou. Preocúpalle a abstención. "Temo que varios millóns de persoas que están frustradas, que non teñen o seu voto decidido, tomen a decisión de quedar na súa casa e que, a consecuencia de todo iso, poida ser que sigamos ou nunha situación de imposibilidade de constituír un goberno ou, peor aínda, que se constitúa un que poida pór en risco o país que todos coñecemos". Para Sánchez Bugallo, "o non votar ou o votar deixándose levar exclusivamente polos sentimentos e sen ter en conta a razón pode levar a unha situación realmente desastrosa".

Preguntado polas cuestións da cidade que se verán afectadas pola convocatoria electoral, o alcalde asegurou que, "moito máis" que as cuestións "concretas", está en "xogo" o modelo de sociedade que pode "cambiar radicalmente".

EDAR

Sobre a EDAR da Silvouta, o alcalde explicou que o martes visionaron os proxectos técnicos das nove empresas que se presentaron ao concurso polo procedemento de concurrencia competitiva. Indicou que lle sorprende que o concello non forme parte do órgano de selección das catro propostas que pasarán á segunda fase. Argumentouno no prego de condicións asinado polo anterior goberno de Compostela Aberta, que excluía ao Concello de Santiago deste primeiro proceso de selección.

Sánchez Bugallo reclamará que nesa segunda fase, que remata en xuño, cando as catro empresas seleccionadas presenten os seus proxectos, participen técnicos do Concello. "Queremos unha proposta que garanta un bo nivel de calidade da auga", engadiu.

Sobre o aproveitamento dos fondos europeos, sinalou que "vexoo posible, pero sigue habendo un serio risco". Explica Sánchez Bugallo que se o trámite medioambiental se resolve en seis meses, podemos salvar unha parte importante dos fondos europeos". O risco ven se o trámite medioambiental non é simplificado, algo que engadiu "veremos a partir de xuño". Unha decisión que ten que tomar o Ministerio de Transición Ecolóxica, encargado de autorizar o procedemento.

Tamén cuestionou a "imposición" de Compostela Aberta no prego de condicións, de que a empresa adxudicataria só xestione a planta depuradora durante un ano. Para o alcalde, "eran mellor cinco anos, un período de garantía para que a empresa se responsabilidade das deficiencias" que poidan xurdir nesta primeira etapa.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org