Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

10N

Sánchez Bugallo aposta por un goberno de progreso para frenar a "un partido anticonstitucionalista" como Vox.

11/11/2019

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que nas eleccións ás Cortes Xerais do 10 de novembro quen gaña é VOX. Afirma que se abre un escenario moi complicado con dúas alternativas posibles: ou un goberno progresista liderado por Pedro Sánchez; ou unha repetición dos comicios que daría a presidencia do executivo ao PP e a vicepresidencia a Santiago Abascal, de Vox.
En relación aos resultados acadados polos distintos partidos, o rexedor asegura que "se funde Ciudadanos, dispárase Vox, e o PP recupera, pero menos do que pensaba". Neste escenario, apostou por un "goberno si ou si" e confía en Pedro Sánchez para sacar adiante un goberno progresista. "Espero que sexa así", engadiu, ao tempo que destacou unha gran coalición entre PP e PSOE.

Sánchez Bugallo considera outra opción posible, a repetición de eleccións. Neste caso pronostica, "estou seguro que das urnas sairá un goberno presidido por Pablo Casado que tería como vicepresidente a Santiago Abascal", de Vox; un partido, afirmou, claramente "anticonstitucional", con propostas como a ilegalización de formacións independentistas, ou a supresión do estado autonómico, que van en contra da Carta Magna, que garante o recoñecemento das nacionalidades históricas e das autonomías". Lembrou o alcalde que dos actuais partidos políticos que se presentaron ás eleccións, o único que votou a favor da Constitución foi o PSOE, xa que o precursor do PP, Alianza Popular, posicionouse en contra.

En clave local, argumentou o descenso do partido socialista na menor participación: catro mil oitocentos persoas, o que se traducen en seis puntos menos de votantes. E no trasvase de votos de Ciudadadanos a PP e a Vox. A irrupción de Máis País, con 1.375 votos, tamén perxudicou, di Sánchez Bugallo aos socialistas. Tres votos de cada dez procedían, segundo o rexedor, do PSOE, e os outros sete de Unidas Podemos.

Tamén destacou o alcalde a subida do BNG "que se nutre das Mareas" e se beneficia tamén das campañas de voto útil, segundo sinalou. Sobre a súa entrada no Congreso, pensa que "facilitará un goberno progresista". Pero aclara, que o que se precisa é un goberno que sirva de interlocutor co concello, para desbloquear a situación das infraestruturas pendentes, como o "orbitaliño". Engade que a cidade está nunha situación delicada, "ás portas do Ano Santo 2021", polo que se precisan uns orzamentos en 2020. "Para nós é un disgusto que se poida dilatar un goberno en España. Ogallá se desbloquee pronto a situación, coa única opción de executivo posible, a que se articula a través do PSOE2.

O alcalde aclara que, os votos do 10 de novembro, non se poden comparar cos dunhas eleccións autonómicas. Pero si recoñece que existe unha maioría progresista en Galicia, "unha maioría de esquerdas bastante amplia". Aínda así aclara que "nada está feito".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org