Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

PLENO

Marta Abal: "a conta do Concello reflicte unha boa situación financieira, aínda que seguen constatándose deficiencias estruturais".

14/11/2019

A concelleira de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, sinalou hoxe, no pleno extraordinario no que aprobou a conta xeral do ano 2018, que en liñas xerais, o concello presenta "unha boa situación financeira", aínda que existen "deficiencias estruturais", sobre todo no relativo ao "esforzo investidor" -do 0,09 por cento por habitante-, e ao nivel de execución orzamentaria nesta materia. O documento recibiu os votos favorables do grupo do Goberno e de Compostela Aberta, mentres que PP e BNG optaron pola abstención.
Marta Abal incidiu en que o consistorio conta con liquidez "basicamente por cumprir" coa regra de gasto que marca a lei estatal, aínda que apuntou, en resposta ao grupo popular, que os "ingresos correntes apenas dan para cubrir o gasto corrente da cidade".

Como obxectivos a curto e medio prazo, a concelleira enumerou, entre outros, emendar o investimento por habitante, "profundar na contabilidade analítica" do concello para coñecer "o custo de todos os servizos que se prestan", e a "actualización do inventario de bens do Concello", unha actuación que considera prioritaria.

CONTA XERAL

O documento da conta xeral que se someteu a pleno estaba integrado polas contas do Concello de Santiago, o Auditorio de Galicia, e as Sociedades mercantís da capital integramente público, como Transportes Urbanos de Santiago S.A. -TUSSA-, e Información e Comunicación Local, S.A. -INCOLSA-. Tamén se contabilizan as contas anuais de "Mercados Centrais de Abastecemento de Santiago de, Mercagalicia S.A." en cuxo capital participa de forma maioritaria o Concello; e as contas da "Fundación Refuxo de Animais", sectorizada como Administración Pública Pola Intervención Xeral da Administración do Estado no exercicio 2017.

Polo que respecta ás contas do Concello Santiago, estaban integradas pola seguinte información: balance, que comprende coa debida separación os activos e pasivos e o patrimonio neto da entidade: a conta do resultado económico patrimonial, que recolle o resultado económico patrimonial obtido no exercicio e está formada polos ingresos e gastos (resultado neto positivo do exercicio: 20.443.113,27 euros); estado de cambios no patrimonio neto; estado total de cambios no patrimonio neto; informe de todas as variacións do patrimonio neto do concello ao longo do exercicio económico (cifra o patrimonio neto ao final do exercicio en 313.597.116,75 euros); estado de ingresos e gastos recoñecidos, que recolle a totalidade de ingresos e gastos recoñecidos durante o exercicio (resultado neto positivo de 22.636.906,55 euros); estado de fluxo de efectivos, que explica a variación do efectivo con respecto ao exercicio anterior (ao final do exercicio sitúase en 42.891.714,98 euros); e o estado de liquidación do orzamento, que comprende a liquidación do orzamento de gastos e de ingresos así como o resultado orzamentario (cun resultado orzamentario de 14.005.032,73 euros e resultado orzamentario axustado de 18.712.479,88 euros).

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org