Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ECONOMÍA E FACENDA

O alcalde sinala, na xornada de SMARTIAGO, que necesitamos da innovación e a tecnoloxía para ofrecer un futuro mellor á cidadanía.

21/11/2018

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras. participaron na apertura da Xornada de presentación do lanzamento da Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto SMARTIAGO, celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Un proxecto, lembrou o rexedor, iniciado no ano 2013, co que se pretende, indicou, "cumprir tres retos: a adquisición de ben orientados á xestión sustentable e intelixente de residuos sólidos urbanos, a mobilidade intelixente sustentable e o terceiro, a iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio".
Precisamente, esta Consulta Preliminar ten o obxectivo de recompilar a información necesaria en canto a solucións innovadoras para preparar os futuros pregos de licitación nos tres ámbitos que comprende o proxecto: mobilidade, xestión de residuos e limpeza viaria e alumeado ornamental. O SMARTIAGO, co que o Concello captou 6.180.000 (dos que un 80% serán aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER), está previsto que poña a Santiago na vangarda en materia de compra pública innovadora.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, "necesitamos da innovación e a tecnoloxía para soster esta cidade e para poder ofrecer un futuro mellor á nosa cidadanía". Agradeceu aos dous alcaldes anteriores a súa asistencia ao acto, e expresou a "necesidade" da tecnoloxía e da innovación para "preservar o noso patrimonio histórico". Por iso, manifestou o seu compromiso para impulsar e executar o proxecto SMARTIAGO e para "aproveitar ao máximo as oportunidades que nos ofrece".

*Pódense consultar as intervencións da inauguración a partir do m. 25 aprox. do enlace.

A continuación falou o conselleiro de Economía, Francisco Conde. Na súa intervención, sinalou que esta iniciativa de compra pública innovadora combina a aposta pola sustentabilidade coa innovación, como elementos de futuro, e que responde ás necesidades inmediatas da cidadanía, ofrecendo unha xestión sustentable e intelixente dos residuos sólidos urbanos; ademais de garantir unha mobilidade intelixente e integrando un alumeado ornamental responsable para a conservación do patrimonio. Á compra pública tamén aludiu a secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Ángeles Heras engadiu que se trata dunha ferramenta magnífica para que os estados innoven, se modernicen e xeren riqueza.

A xornada continuou coa intervención do concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais. Gumersindo Guinarte sinalou que a compra pública, para a cidadanía, debe mellorar os servizos públicos ao incorporar na súa prestación solucións innovadoras que melloren a súa eficiencia e eficacia". E para as administracións públicas, "debe lograr un aforro de custes" e "debe impulsar políticas de innovación empresarial e de fortalecemento do tecido produtivo, contribuíndo a crear postos de traballo de elevada cualificación".

A xornada, na que tamén estiveron presentes as concelleiras/os de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Economía e Facenda, Marta Abal; de Educación, Noa Díaz; e de Medio Rural, José Manuel Pichel; está dirixida a empresas e axentes do ecosistema de innovación interesados en participar no programa. Serve para explicar en detalle o programa e os retos detectados que se queren abordar e que se esperan cubrir a través das futuras licitacións. Dos aspectos técnicos de SMARTIAGO ocupouse Jesús Rodríguez Castro, xefe do Servizo de Informática do Concello. A continuación, Manuel Varela, director de Sector Público en Science & Innovation Link Office (SILO) falará sobre como participar nas consultas e aspectos administrativos. A xornada pecharase cun tempo de consultas e cunha sesión de networking.

O obxectivo da Consulta Preliminar ao Mercado é recompilar a información necesaria para preparar as futuras contratacións públicas de innovación do proxecto Smartiago e informar aos operadores económicos sobre os seus plans e requisitos de contratación. A convocatoria é aberta e dirixida a persoas físicas ou xurídicas, públicas o privadas. Poderán presentar as súas propostas ata o 16 de decembro.

As propostas deberán ofrecer solucións innovadoras destinadas a dar resposta aos retos do Smartiago nos campos da mobilidade, da xestión dos residuos sólidos urbanos e limpeza viaria e do alumeado ornamental. A partir do resultado destas consultas, o Concello contará co coñecemento suficiente sobre as posibilidades tecnolóxicas existentes no mercado cara futuros trámites de Compra Pública de Innovación ou outros procedementos de licitación.

Son tres as liñas estratéxicas incluídas no proxecto Smartiago e sobre as cales se poderán facer achegas. Unha delas é a xestión de residuos urbanos e a limpeza viaria, onde se fixan, entre outros, obxectivos como lograr o 50% de preparación para a reutilización e reciclaxe, partindo do 13% actual; crear un modelo predictivo de compostaxe comunitaria urbana baseada no control biolóxico respirométrico; a gamificación (con aforros transformados en moeda social dixital aceptada polo comercio local); ou implantar modelos de inspección avanzados da calidade da limpeza viaria.

Na liña de mobilidade intelixente e sustentable, as empresas deberán achegar propostas sobre aspectos como a implantación de vehículos eléctricos no ámbito do casco histórico, ou os controis de acceso e estacionamento. Finalmente, na liña da eficiencia do alumeado público, o Smartiago céntrase na busca de solucións que permitan reducir emisións e custos, conxugándoos coa súa adecuada integración arquitectónica nun entorno Patrimonio da Humanidade.

Estudadas as propostas presentadas nesta fase de Consulta Preliminar, en febreiro de 2020 publicarase un informe cos resultados. Comezaría entón a fase de redacción de pregos e licitacións, co obxectivo de comezar a execución do proxecto en setembro de 2020. Cara finais de 2022 culminaríase a fase de desenvolvemento destas tecnoloxías innovadoras.

O Concello de Santiago é pioneiro a nivel municipal en contratación pública con este modelo innovador como factor de competitividade. Compostela sitúase así coma un referente neste ámbito, ao definir un novo modelo de servizos públicos baixo a óptica dunha cidade Patrimonio e polo nivel de captación de fondos europeos. O Smartiago converterá o Concello nun polo de innovación, con consecuencias directas nas xeración de emprego, na redución de custos e na sustentabilidade.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org