Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

25N

O Grupo Socialista vístese de negro contra as violencias machistas

25/09/2019

O Grupo Municipal socialista vestiuse hoxe de negro contra as violencias machistas. Os membros do grupo de goberno, igual que o resto da corporación municipal, quixeron que neste 25N, "Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres" o negro fose "símbolo de loito, pero tamén de loita". Ao acto reivindicativo de "Compostela en negro" na Praza do Obradoiro, no que se leu un manifesto, acudiu alumando dos institutos Rosalía de Castro e Xelmirez I; e dos colexios Pío XII, Roxos, e Vilas Alborada.
Foi o comezo dun programa de accións divulgativas e de sensibilización dirixidas, especialmente, ao sector empresarial, os centros educativos e as parroquias rural. A concelleira de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, iniciou a lectura do manifesto, asinado por todas as forzas políticas da corporación compostelá. Díaz sinalou que a normativa vixente advirte que a violencia machista implica "calquera acto de agresión" nun marco de dominación do home fronte á muller, ben sexa física, sexual, verbal ou de coaccións para privala da súa liberdade.

Goretti San Martín, do BNG, lembrou a "Sandra, María Elena ou Mari Carmen", todas elas "asasinadas este ano en Galicia", e ás que hai que sumarlles "48 mulleres máis, a última hoxe, en Santa Cruz de Tenerife". Marta Lois, de Compostela Aberta, sinalou que "o asasinato é a última e máis extrema das violencias machistas, pero son moitas outras en moi diferentes formas as que rodean e perseguen ás mulleres", como explotación, acoso, transfobias e outro tipo de violencias que sofren "polo simple feito de ser mulleres", engadiu.
María Antón, do Grupo Popular, incidiu en que é necesaria a inclusión na lexislación da "atención integral a todos estes tipos de violencia machista" e "recoñecer as grandes brechas de xénero" que persisten "en todos os ámbitos da sociedade".

Pechou a lectura o alcalde de Santiago. Xosé Sanchez Bugallo reiterou o compromiso da corporación pola "erradicación das violencias" contra as mulleres e para "combatela con todos os recursos dispoñibles". E realizou un chamamento aos axentes sociais, aos medios de comunicación e á cidadanía a colaborar no rexeitamento á "complicidade" dos que "silencian" estes casos".

O acto concluiu con lecturas e traballos sobre violencia de xénero, convocados no marco de certame de igualdade da campaña 'Compostela en Negro'. Ademais do alcalde e de Noa Díaz, estaban presentes os concelleiros Sindo Guinarte, Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños, Marta Abal, José Manuel Pichel, Noa Díaz e Esther Pedrosa.

USC

A continuación, a concelleira de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, desprazouse ata o reitorado da USC, onde Xunta, Concello e a Universidade protagonizaron un acto simbólico que cada ano impulsa a institución académica con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Entre outras autoridades, estaban presentes o reitor, Antonio López, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Tamén se leu un manifesto, subscrito por distintas institucións académicas da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (Ruigeu), que concluía coa seguinte frase: "sen igualdade entre homes e mulleres non hai democracia; sen erradicación da violencia contra as mulleres, non hai xustiza".

Noa Díaz lamentou que esta conmemoración represente, en realidade, "un acto de desigualdade", polas "profundas desigualdades" que padecen as mulleres debido ás "relacións de poder perpetuadas ao longo da historia". "Non fala ben de nós como sociedade", recoñeceu, ao tratarse dun problema "estrutural" sobre o que é necesario "actuar con celeridade", posto que as novas xeracións "non están máis concienciadas" sobre esta secuela. Ilustrouno con datos: nos últimos catro anos incrementáronse os delitos sexuais en mozos en máis dun 60 por cento. A concelleira de Políticas de Igualdade apelou a que a loita contra a violencia e pola igualdade se converta nun eixo transversal" do sistema educativo e do hipotético Pacto de Estado Educativo, en caso de materializarse. En definitiva, dixo, "sumar esforzos" para lograr unha sociedade máis xusta e "igualitaria".

O acto serviu tamén para facer entrega dos galardóns do III Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero, financiados con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. Laura Rubio Lareu, co relato "Calquera", fíxose co primeiro premio deste certame, dirixido a todo o alumnado das titulacións de primeiro e segundo ciclo, grao, máster e doutoramento, matriculado na USC no curso 2019-2020. Ademais, o xurado decidiu conceder dous accesit ás obras "Leoa", de Andrea Durán Liñares, e "Soga", de Adrián Feijoo Sánchez.

Ademais dos textos galardoados, serán recollidos nunha vindeira publicación outros catro relatos finalistas, os cales foron recoñecidos con cadanseu diploma acreditativo; este é o caso das obras "Unha pegada indeleble", de Lydia Burgaña Caballero; "Bébote á miña maneira", de Vanesa Eimil Díaz; "Víase vir", de Lucía Mansilla Ojeros; e "A soidade no abuso", de Sara Rodríguez Fraga.

VIVEIRO DE EMPRESAS

Os actos reivindicativos do 25N tamén chegaron ata o Viveiro de empresas. Antes da entrega de diplomas do do programa "Social Media, Marketing dixital e Emprendemento", o alcalde fotografiouse coa vestimenta de "Compostela en negro", símbolo do rexeitamento ás violencias machistas.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org