Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo explica que levará a pleno suspensión de solicitudes de pisos turísticos ata que non haxa unha modificación do Plan Xeral

13/12/2019

O Concello de Santiago levará a aprobación no pleno ordinario do 19 de decembro, unha moratoria na concesión de autorizacións para pisos de uso turístico. Isto implica, segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a ampliación da suspensión, de xeito cautelar, de solicitudes de autorización a toda a cidade. Ata agora esa limitación só existía na zona histórica. En rolda de prensa, o rexedor aclarou que non busca "cargarse" os pisos turísticos, porque entende que a oferta "chegou para quedar", pero que cómpre regulala e limitala, porque, engade, "non podemos permitir que un modelo conxuntural arrase o noso modelo de cidade".
Explicou que a moratoria responde ao convencemento de que, de non adoptala agora, "dentro dun ano sería tardía e inútil a modificación do Plan Xeral. De aí a suspensión cautelar do procedemento de autorización de novos usos de aloxamento temporal mentres se tramita a modificación do PXOM.

Para Sánchez Bugallo "o problema non son os 641 establecementos recoñecidos a día de hoxe pola Xunta, senón un número moi superior que funciona de forma irregular", ademais do "incremento exponencial das demandas de autorizacións para pisos turísticos". O alcalde explicou que esta moratoria, ten como obxectivo "regular e limitar" as vivendas turísticas, xa que considera primordial o seu uso residencial.

Argumenta o rexedor que a oferta de prazas turísticas é xa "moi elevada", unhas 13.000. Unha oferta enorme, engade, "para unha cidade de 90.000 habitantes, e se incluímos outra serie de servizos de albergue ou residencia a través de institucións e os pisos de aluguer turístico irregulares, a cifra podería roldar as 20.000 prazas".

Sobre as cuestións a regular na modificación do PXOM, o alcalde apostou por "preservar con carácter xeral que nas áreas residenciais se manteña o uso residencial permanente". Tamén considera necesario "fixar un número máximo de autorizacións, a nivel xeral e por zonas, e mesmo fixar topes de utilización dunha residencia como vivenda de uso turístico".

Nesa modificación, apuntou, "será moi importante harmonizar as normativas municipal e autonómica e nesa dirección, para evitar contradicións evidentes, traballaremos coa Consellería de Cultura e Turismo". Sobre a elección da modificación do PXOM como mecanismo para regular esta materia, o alcalde dixo que responde á intención de "blindala o mellor posible dende o punto de vista xurídico". Botando a ollada atrás sobre os numerosos recursos xudiciais existentes nesta materia en diversos ámbitos en España, insistiu en considerar esta fórmula como "un procedemento máis sólido" que unha ordenanza ou un regulamento. Sánchez Bugallo indicou que esperan traballar coa Consellería de Turismo para evitar "contradicións" entre a normativa da Xunta e a local. Engadiu que, tras as conversas mantidas e que, unha vez aprobada esta moratoria e publicada no Diario Oficial de Galicia, a "Xunta non regularice máis vivendas".

Na rolda de prensa, o alcalde separou o asunto dos pisos turísticos das vivendas baleiras. Sinalou que "estamos á espera da normativa legal que nos habilite para intervir". Lembrou que un Decreto estatal fixa esta posibilidade de intervención, pero que está pendente dunha disposición estatal ou dunha norma reguladora autonómica que "determine cando unha vivenda está baleira". Tamén discrepou sobre as cifras do Instituto Galego de Estatística, que utiliza criterios censuais para fixar en 9.000 as vivendas baleiras de Santiago, e as do Concello, que utiliza o criterio do consumo de auga, cuantificando unhas 6.000 vivendas. En calquera caso, dixo, "estas son cifras estatísticas, pero non teñen unha validez legal", polo que é necesaria a devandita regulación.

MIRAMONTES
A preguntas dos xornalistas, o alcalde expresou a súa "gran simpatía e total solidariedade" coa veciñanza de Miramontes en relación ao "calvario que están sufrindo" coa canteira e lembrou que o Concello tamén se persoou en todos os procedementos. "Non temos competencia, pero si incumbencia, porque afecta á calidade de vida dos veciños de Santiago", indicou o rexedor, coincidindo coa veciñanza na existencia de "elementos de contaminación".

Sen descartar a necesidade de máis controis, aclarou que "o problema é a actividade que alí se está desenvolvendo e a falta de honradez cos veciños e co Concello de Santiago respecto a unha autorización que teoricamente era para recuperación ambiental e que se acaba convertendo no que é hoxe, no lugar onde se depositaron miles de toneladas de lixo do rexeitamento do vertedoiro da Coruña. E iso é unha gran responsabilidade dos que o autorizaron, dos que o permitiron e dos que o fixeron".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org