Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde asegura que se se convocan eleccións agora é posible que haxa unha interrupción dos preparativos do Xacobeo

10/02/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse hoxe, despois de ser preguntado polos xornalistas, a un posible adianto electoral, sinalando que non está demasiado contento con que se "adianten moito as eleccións". Argumenta que "a Xunta está nun proceso moi intenso de preparación do Xacobeo. Se se convocan as eleccions agora, é posible que haxa unha interrupción".
Para o alcalde, a mellor data para celebrar os comicios autonómicos, "se a min me deixarán elexir", sería entre o 20 de maio e o 20 de xuño, "un tempo óptimo para que o goberno saínte ultime as decisións que ten que tomar e o novo executivo ten o verán para asentarse e podería empezar en setembro a plena velocidade". Pero, aclara Sánchez Bugallo, "evidentemente é unha decisión que lle corresponde ao presidente da Xunta e non vou eu condicionalo".

ORZAMENTOS

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que se está avanzando nos prazos para a aprobación do presuposto de 2020: "está previsto que esta semana aprobe a Xunta de Goberno o proxecto de orzamentos. A partir de aí facilitarase o texto íntegro a todos os grupos". Mañá, segundo subliñou, está prevista a reunión cos sindicatos, e "ao mesmo tempo, os técnicos municipais de tesourería e intervención xa dispoñen da documentación", para emitir os preceptivos informes que poderán estar entre mañá e pasado". A partir de aí, dixo, procederase a tramitar o expediente.

Sobre as negociacións con Compostela Aberta, o rexedor sinalou que están nunha fase "de pura formalización documental. Confío que entre mañá e pasado ese tema poida quedar satisfactoriamente pechado". Despois, continuou, "celebraremos unha Xunta de Goberno extraordinaria ao longo da semana para aprobar o proxecto de orzamentos. A partir de aí, todos os grupos terán pleno coñecemento da documentación", porque "ese é o momento en que a teñen que recibir, e non antes". O rexedor explicou que se aprobaron xa todos os orzamentos das distintas sociedades.

ASAMBLEA EIXO ATLÁNTICO

O alcalde adiantou que na primavera, "materializaremos á irmandade con Braga, e a formalizar a través dun convenio de colaboración", despois de que no pleno de novembro se arpobase o inicio da tramitación. "Os tempos son chegados de recuperar e re-impulsar esa relación. Braga e Santiago son dúas cidades que teñen moitas cousas en común. Imos facer unha aposta pola cultura, polo Camiño de Santiago, pola siñificación das dúas cidades… Pero tamén polas dúas universidades, que deben ter un gran protagonismo nesa irmandande. E tamén polas novas teconoloxías". O alcalde explicou que Compostela é un centro de referencia en biotecnoloxáis e biomedicina, e Braga en nanotecnoloxía. "Cremos que temos un gran campo para traballar as dúas cidades conxuntamente e así o imos facer".

Sánchez Bugallo, que o pasado venres acudiu á Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, anunciou que Santiago se incorporou á Comisión Executiva do Eixo Atlántico, igual que Pontevedra e Lalín. Lugo pasa a ocupar a vicepresidencia. "Para nós é importante volver, porque é un espazo de traballo común co norte de Portugal, que nos parece tremendamente interesante", sinalou.

O alcalde tamén destacou a importancia que adquiriron os Camiños de Santiago. Subliñou que "durante a Asemblea, practicamente todos os alcaldes portugueses, manifestaron o seu interés por impulsar, potenciar e apoiar os diferentes Camiños de Santiago, e tamén en participar no Xacobeo 2021.

INTERMODAL
Sobre a retirada da cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros, Sánchez Bugallo amosouse dacordo coa presidenta de Adif, en que "é un problema legal". O rexedor califícaa de inxusta, ´"é unha cláusula que so ten Santiago, non a ten ningunha outra estación de España. Hai cidades como Cuenca onde se fixo unha estación do AVE e non chegan a cen mil viaxeiros ao ano". En Santiago hai 2,7 millóns.

O rexedor explicou que ata agora, "este problema legal estaba bloqueado", porque había un goberno en funcións e a avogacía do estado entendía que ese executivo non tiña habilitación legal para redactar o informe xurídico que requería. "Tampouco lle recoñecía habilitación legal ao aeroporto, porque entende que non hai razóns de urxencia nin de necesidade inaplazable que xustificaran esa decisión". Entende o alcalde que agora, estes dous asuntos, "se porán en marcha, unha vez que o cambio de nombre o vai pagar o Consorcio de Santiago".

Sánchez Bugallo recoñece que no 2021 "imos ter que arreglarnos coa estación que temos, e iso vai ser unha demostración máis que evidente de que esta estación non ten capacidade para o volume de viaxeiros que se van mover aí". Aínda así, o alcalde sinala que "están convencidos todos, o ministro José Luis Ábalos, a presidenta de Adif…", polo que confía en que "terá que resolverse". E espera que na próxima visita do ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana "poidamos darlle formalización oficial ao levantamento desta cláusula, que me parece inxusta e inxustificada".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org