Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ELECCIÓNS

Gonzalo Caballero confía nun cambio de goberno na Xunta, porque, di, existe unha maioría progresista en Galicia

12/10/2020

O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, comezou onte unha rolda de contactos coa militancia na Casa do Pobo, en Santiago de Compostela. Presentouno a secretaria xeral da Agrupación Local do PSOE, Mila Castro, quen incidiu en que "soplan ventos de cambio". Na súa intervención, o candidato socialista describiu como o goberno Feijoo está desmantelando a sanidade e o estado de benestar, e como destrúen o emprego, o que acelera o despoboamento do rural. Fronte a esta situación, dixo, "existe unha maioría progresista", que cómpre mobilizar, para que ese cambio á fronte do executivo galego sexa unha realidade.
Segundo explicou, o goberno de Feijoo non foi quen de "sacarlle porveito a tantos anos de xestión e a tantos e tantos millóns de euros, para acadar unha Galicia mellor". Para o candidato socialista, "Galicia é o noso compromiso. É a quen lle debemos o traballo do PSdeG_PSOE. E farémolo desde os valores do socialismo, con orgullo do noso partido e dos nosos ideais. Co compromiso coa xustiza social, como mecanismo de igualdade de oportunidades de cada cidadán, nos distintos momentos e nos distintos lugares. Cos valores da liberdade, porque o socialismo e liberdade". Porque, engadiu, "non hai liberdade política se non hai igualdade de oportunidades e non hai dignidade nas rendas e nos ingresos. Para ser libres hai que ter medios económicos. Hai que ter servizos públicos. Hai que darlle posibilidade á poboación para decidir".

Unha Galicia, continuou Gonzalo Caballero, "que temos que construír tamén cos valores do feminismo, da igualdade entre homes e mulleres. Os valores do ecoloxismo, da defensa do medio natural, da defensa do noso patrimonio, da nosa riqueza dende o mar ata a Galicia interior. Unha Galicia que ten que pensar en clave de futuro, na xente máis nova, para que teña oportunidades de futuro no noso país".

Segundo a análise realizada por Caballero en base a datos estatísticos, "Galicia perdeu posicións e perdeu posibilidades. Hoxe hai en Galicia 50.000 traballadores menos que hai 11 anos. En España hai 600.000 máis". O candidato socialista pregúntase se porque en España se xerou emprego, en Galicia a evolución foi a contraria".Para Gonzalo Caballero, esta é unha das explicacións da Galicia baleira, de por qué o rural se está quedando sen xente, "e porque temos un dos peores datos demográficos de España". E ademais de non xerar emprego, sinala, o goberno de Feijoo non presta servizos públicos de calidade: educación pública gratuita; "unha sanidade pública, universal, gratuíta e próxima ao territorio; a atención aos nosos maiores e dependentes. Se non lle damos eses servizos públicos teremos tamén unha perda de capacidade de vida no noso país".

Para o candidato socialista, ese é o plantexamento que lle hai que trasladar ás galegas e galegos. "Que durante 11 anos Feijoo controlou con maiorías absolutas, de forma férrea o poder político, pero non fixo os deberes" coa cidadanía, para acadar unha Galicia mellor".

Afirmou Gonzalo Caballero que "temos unha responsabilidade política co país para darlle a Galicia unha nova política económica que permita" o desenvolvemento industrial, máis I+D+I, "unha nova política activa de emprego, unha nova política teconolóxica". "Temos", dixo, os deberes feitos para ofrecer unha nova política de vertebración territorial", porque segundo o candidato socialista, Feijoo non foi quen de conectar coa Galicia urbana". Puxo como exemplo a Santiago, "onde os socialistas representamos a forza da capacidade de goberno, de compromiso con Compostela, de reencontro cunha maioría cidadá, a través dun traballo feito ao longo de décadas e de anos", que lle volveu dar, dixo, o triunfo ao partido socialista nas pasadas municipais.

Gonzalo Caballero sinalou que Feijoo so busca a confrontación co PSOE. "Reclamoulle Feijoo a Rajou os 2.300 millóns de euros que estaban nos orzamentos do PP para Galicia e que non gastaron? Tamén lle preguntou que pasou cando Ana Pastor "durante tres anos, meteu nun caixón o AVE e de forma irregular paralizou as inversións como agora plasma o Tribunal de Contas? Onde estaba Feijoo? Onde estaba este defensor da patria, que soamente é un defende-patrias cando ten que confrontar co Partido Socialista, pero que non resolve os problemas das galegas e dos galegos durante 11 anos de goberno?"

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org