Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ELECCIÓNS

Encontro de Sánchez Bugallo con Gonzalo Caballero para trasladarlle "as preocupacións da cidade de Santiago"

21/02/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado dos membros do Grupo Municipal, mantivo hoxe un encontro con Gonzalo Caballero, que este domingo presentará, oficialmente, a súa candidatura á presidencia da Xunta, nun acto en Compostela ao que está prevista a asistencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. O rexedor agradeceulle a súa disposición por interesarse, dixo, "polas principais preocupacións que se nos plantexan na cidade de Santiago".
Sánchez Bugallo explicou que "Ten unha lista, e esperamos que a partir do 5 de abril esa lista poida servir de guía de traballo para enfocar as accións a desenvolver entre o concello de Santiago e a Xunta de Galicia". "Podo asegurar", continuou "que estas demandas responden ao interese da cidadanía".

O alcalde engadiu que espera ter unha oportunidade en "algún momento non demasiado lonxano" de falar persoalmente con Pedro Sánchez e trasladarlle as preocupacións da cidade "que lle poden corresponder no seu ámbito".

Gonzalo Caballero explicou que esta semana está percorrendo Galicia, mantendo contactos cos distintos alcaldes socialistas, "plasmando o noso compromiso coa Galicia urbana". Afirma que Fejóo, en "once anos á fronte da Xunta, abandonou o medio rural, pero ademais non tivo capacidade para establecer ningunha sinerxia, ningún impuso para a Galicia urbana, para a Galicia máis puxante, para a Galicia que ten que ser o motor e tractor do cambio de futuro do país".

Para o candidato á Xunta de Galicia, é necesario que o goberno autonómico "teña a empatía e estableza sinerxias coa Galicia urbana, para que sexan polos tractores do desenvolvemento, do impulso económico, da vida social e cultural". E por iso, continuou, "imos traballar a carón do alcalde Pepe Bugallo no proxecto de cidade que temos os socialistas en Santiago de Compostela". É preciso, indicou, un goberno progresista a todos os niveis: estatal, autonómico e local. "Un goberno de progreso na Xunta que vai pór as preocupacións da cidade enriba do Consello da Xunta de Galicia". Gonzalo Caballero afirmou que coñece os problemas pendentes, "en tantos eidos": aparcamentos periurbanos e tamén nos arredores do CHUS, as necesidades de vivenda "a prezos razoable", a necesidade de desenvolvemento de polos industriais. Naqueles asuntos, continuou, nos que a cidade precise apoio, terá "nun goberno progresista, o mellor aliado para traballar".

Caballero explicou que se hoxe houbese eleccións en Santiago, "a maioría sería máis aplastante" porque "en todos os indicadores de equisas que temos vemos como a valoración do alcalde, da xestión que facemos, está moi asentada e o proxecto de cidade vai ben encarrilado".

PREOCUPACIÓN POLOS CASOS DE CORRUPCION DO PP

O candidato socialista á presidencia da Xunta amosou a súa preocupación por unha noticia aparecida hoxe na prensa, sobre a suposta utilización, por parte do PP de Feijóo, de fondos adicados á poboación emigrante de Venezuela, "para algún tipo de actividade que o Tribunal de Contas detecta como un burato de varios centos de miles de euros nos fondos públicos". Para Gonzalo Caballero é unha nova preocupante, porque "plantexa que o Partido Popular pode ir dopado ás eleccións utilizando os fondos da Xunta de Galicia". Neste sentido, pediu a comparecencia "inmediata" de Fijóo para "despexar calquera dúbida de corrupción, calquera dúbida de irregularidade na xestión dos fondos para a emigración".

Segundo explicou Caballero, o PP tén unha historia de corrupción moi preocupante, "e Feijóo, que quere agochar as siglas do PP, leva as siglas do PP marcadas na fronte. Feijóo é Partido Popular en vena", continou. "O PP que non quixo a lei do aborto, que non quixo a lei do divorcio, que non quixo o matrimonio das persoas do mesmo sexo, o mesmo PP que vota contra a lei da Eutanasía, contra unha morte digna…". O mesmo Feijóo, engadiu, "que aplaudiu os pactos da ultradereita do Partido Popular en Andalucía… Feijóo é Partido Popular en vena". E recorda, "nestas eleccións preséntase este Fejóo do PP. E ese Partido Popular ten unha longa historia de corrupción, na que Feijóo non foi quen de pedir contas cando saiu a sentencia da Gürtel, cando houbo todos os casos de corrupción. Así que agora ten que explicarlle aos galegos e galegas que pasou con eses fondos", destinados á emigración. Finalizou sinalando que despois de que o Núñez Feijóo compareza e dea todas as explicacions, o PSdeG analizará a situación "e tomará todas as medidas precisas".

Sobre a xestión de competencias, sinalou que "en once anos de goberno de Feijóo non hobuo ningunha transferencia de competencias ao goberno da Xunta. O que nos plantexamos é que hai que ter un presidente con capacidade de diálogo e de negociación". Engadiu que vai esixir para Galicia todo o necesario "e vou ser un negociador firme e contundente en defensa dos intereses de Galicia. Pero Feijóo quedou fóra de xogo, porque buscou unha estratexia de confrontación que non produce nada bo. Simplemente busca rapiñar uns cantos votos entre as dereitas, porque non lle dan as contas".

COMPETENCIAS

Sinala que "estamos desmontando esa imaxe de que os gobernos de progreso xeneran problemas. España vai ben cun goberno progresista liderado por Pedro Sánchez, e o medo que temos a cidadanía é cando goberna esta dereita, da que é parte Feijóo, inda que el quere facerse un Gallardón, quere aparentar ser algo moderado, pero é un conservador. Unha persoa que ataca o estado de benestar, a sanidade pública e os dereitos sociais". Engade que todas as competencias pendentes, vanse ter que negociar cun goberno progresista "porque Feijóo non foi quen de facelo, nin cando gobernaba Rajoy, e moito menos agora".

ACCIDENTE CORUÑA

Gonzalo Caballero amosou o seu pesar e trasladoulle as condolencias á familia da persoa falecida onte na Coruña nun accidente laboral, despois de que a ambulancia tardase media hora en chegar. O candidato socialista cualificou a situación como "moi grave. No nivel político hai que aclarar ese caso. O goberno da Xunta e a consellería de Sanidade deberían explicar todos os datos sobre o que pasou por se hai que esixir responsabilidades, porque xa hai precedentes". Lembrou dous falecementos "derivados da falla de atención e compromiso co sistema público sanitario", un ocorrido no PAC da Estrada e outro en Dozón, onde a ambulancia non chegou a tempo. "Cando o sistema sanitario non ten todos os orzamentos e todos os medio falla", engadiu.

CAMPAÑA

Caballero anunciou que o domingo terá lugar, en Compostela, o acto oficial de presentación da súa candidatura á presidencia da Xunta, nun acto ao que está prevista a asistencia do secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Asegurou que está percibindo un ambiente e un dinamismo "moi positivo no electorado galego". "Isto empeza a activarse", engadiu "e o cambio vai ser imparable". Explica que sae á rúa e que a xenta, cada día dille "hai que cambiar, hai que botar a Feijóo". Está convencido de que a medida que transcurra a campaña, o "ambiente electoral vai dinamizar e mobilizar máis aos votantes progresistas". Continua dicindo que "hai unha nova Galicia que non quere seguir aturando" un proxecto que a asfixia. "O PSOE está construíndo un proxecto de diálogo fronte a confrontación; un proxecto de progresismo, fronte a conservadurismo; un proxecto novo e renovado fronte ao proxecto esgotado conservador", sinala. Por iso cre que "é a hora do cambio e o cambio vai avanzar en Galicia o 5 de abril".

Para Gonzalo Caballero, os problemas non están na esquerda, nen nas súas alianzas. "Eu fago os deberes do PSdeG que é o que me preocupa" O problema está nas dereitas, sinala, "o PP vai vir a Galicia a competir con outras forzas, unha de centrodereita e unha de extremo dereita que nos preocupa moito. E van ter que explicarlle aos galegos a que optan, se a un goberno de coalición entre esas dereitas…" Na súa opinión, conforme vaia transcorrendo a campaña electoral, serán os tempos os que marque "como é a axenda e a prioridade nese escenario". A continuación, desexoulle o mellor a todas "as forzas de progreso. E alégrome de que se arranxen os procesos, para que cada un poida presentar o seu proxecto con máis claridade ante o electorado, e que os votos progresistas sexa ampliamente maioritarios en Galicia".

Na súa opinión hai unha dinámica de cambio, hai unha maioría de progreso que se vai activar. "Os datos que temos acabo de colgalos en twitter, unha enquisa que evidencia o desgaste do Partido Popular".

LISTAS
Sobre as listas, sinalou que "imos presentar as mellores listas posibles para gañar as eleccións e para respaldar ao goberno progresista que haberá en Galicia a partir do 5 de abril. "Hai que aproveitar a experiencia, o mellor exemplo témolo en Pepe Bugallo", engadiu, pero "agora tamén toca abrir un tempo novo, cun proxecto renovado e cun proxecto de renovación". "Renovar e incorporar experiencia", resumiu; nunhas lista comprometidas coa igualdade real "cun papel equilibrado entre todas as candidaturas,. En cabeza de cartel, vai haber moitas mulleres en postos de salida".

Sobre a posiblidade de que algún membro do Goberno Municipal poida ir nas listas, o alcalde Sánchez Bugallo asegurou estar "moi contento" co seu equipo, e que lle gustaría conservalo, "creo que está facendo un magnífico traballo", engadiu.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org