Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ORZAMENTOS

Aprobados en pleno os orzamentos de 2020, que o grupo de goberno define como equilibrados, rigorosos e solventes

02/03/2020

O Pleno da Corporación aprobou este luns, nunha sesión extraordinaria, o orzamento municipal para 2020, que ascenden a 116.975.595,33 euros, o que supón un incremento do 6,46% respecto a 2019. As contas saíron adiante cos votos favorables do Goberno municipal e a abstención de Compostela Aberta. PP e BNG votaron en contra. Agora, unha vez se publiquen, ábrese un prazo de alegacións de de 15 días. No caso de admitirse algunha alegación, terían que volver de novo a pleno.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aclarou que da aprobación dos orzamentos dependen importantes obras e a ampliación do número de persoas atendidas a través do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, pendente de licitación dun novo contrato.

A concelleira de Economía, e Facenda, Persoa, Contratación e Modernización Local, presentou as contas. Son, dixo Marta Abal os orzamentos dos servizos públicos básicos, da promoción e protección social, da modernización da administración local, da educación, da cultura e do deporte. Os presupostos do investimento, do comercio, da promoción económica, da promoción da cidade, do transporte, do rural e do equilibrio territorial, engadiu.

Sindo Guinarte, concelleiro de Presidencia e Relacións Internacionais, respondeu á oposición, que cuestionaban os prazos de aprobación. Recordou que, desde que chegou o PSOE ao goberno do Concello de Santiago, aprobáronse uns orzamentos técnicos, unhas ordenanzas fiscais e a continuación houbo que realizar un cálculo dos gastos dos distintos contratos para incluír nos presupostos a súa licitación. Con eses datos, continuou, pedíuselle aos grupos que fixeran as súas propostas. Como a de CA era a que máis posiblidades tiña de prosperar, sinalou, negociouse con este grupo: "sobre esa proposta, empezamos a traballar. Habería outra posibilidade que era unha negociación, a dúas tres, ou catro bandas. Pero non nos parecía serio. Por iso, nun determinado momento, avanzamos na negociación con Compostela Aberta, incluíndo aspectos que nos parecían razonables e que tiñan un índice de coincidencia" co borrador de orzamentos presentado, engadiu.

O concelleiro de Presidencia, definiunos como uns orzamentos equilibrados, rigorosos e solventes. Para Sindo Guinarte, "os orzamentos son a definición dos obxectivos e prioridades en beneficio da cidadanía". Reiterou que este orzamento presentado por Marta Abal, "que defendeu con argumentos sólidos e non rebatidos, é un orzamento equilibrado e solvento, feito con rigor no cálculo dos ingresos e con rigor e con criterio político na definición das partidas de gasto". Engadiu que se trata duns presupostos que pretenden por as bases do goberno "que queremos ser" nos próximos catro anos.

Marta Abal amosou o seu "disgusto", ante a posición do BNG, "de rexeitamento a uns orzamentos que son decisivos para o nosos Concello. A concelleira entende que "se está votando en contra de infraestruturas básicas, como Concheiros, Triacastela, como Clara Campoamor. Entendemos que se está votando en contra de políticas sociais esenciais e fundamentais, como o incremento de máis dun millón de euros no contrato de axuda no fogar. Entendemos, en definitiva, que o BNG está votando en contra de políticas medioambientais esenciais e imprescindibles, como o selado do vertedoiro de Aríns", subliñou.

A concelleira, igual que fixo o alcalde posteriormente, aclarou que, dos dous millóns de euros da Deputación da Coruña destinados ao rural, medio millón son un préstamo da entidade provincial ao Concello de Santiago. En resposta ao PP sinalou que de opacidade nada, que se facilitou o borrador de orzamentos a todos os grupos e que no documento están detallados os gastos e investimentos.

Rematada a sesión, e xa en rolda de prensa, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo valorou o feito de ter "aprobado dous orzamentos en sete meses" e agradeceu a Compostela Aberta ter facilitado o visto bo. Sobre estas contas indicou que "son as que poden ser", en función dunha "orde de prioridades", na cal "priorizamos os servizos públicos". Indicou que a partir do luns, grazas ao procedemento anticipado de gastos, se comezará a licitar diversas obras e servizos.

ORZAMENTOS

A concelleira de Facenda, Marta Abal, foi a encargada de explicar os principais indicadores deste orzamento, no que destaca o crédito destinado a servizos públicos básicos, cunha contía de 47.481.402 euros, o 40,59% sobre o gasto total do orzamento (+0,07% respecto a 2019). Tamén son significativas as partidas de produción de bens públicos de carácter preferente, con 21.727.070 euros (+13,58% respecto a 2019), e de actuacións de carácter xeral, por un importe de 21.433.560 euros (+10,91%). Cada unha delas representa algo máis do 18% do gasto. A continuación sitúanse as actuacións de carácter económico, con 13.928.623 euros (+20,57%), o que representa un 11,91%; as actuacións de protección e promoción social, con 9.452.821 euros (+0,07%) e un 8,08% sobre o gasto total. Pecha a lista a débeda pública, por 2.952.126 euros e o 2,52% do gasto total (baixa un 13,06% respecto a 2019).

En canto aos gastos por operacións non financeiras, que ascenden a 114.040.973,34 euros, salienta o incremento do 6,90 % con respecto ao exercicio 2019.

GASTOS

Os gastos por operacións correntes ascenden este ano a 98.616.468,32 euros, aumentando un 2,26% con respecto ao exercicio 2019. O capítulo I, de gastos de persoal, increméntase, en comparación ao ano anterior, un 1,16%. Son 33.905.543,75 euros, fronte aos 33.517.959,28 euros do exercicio 2019.

Neste capítulo contémplase o incremento salarial do 2% nas retribucións do persoal, en cumprimento do Real Decreto Lei 2/2020 do 21 de xaneiro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público. Tamén figura unha partida de 695.220 euros para facer efectiva a carreira profesional dende o 1 de xaneiro do 2020. Outra dotación de 650.000 euros destinarase á creación de novos postos no marco da nova RPT, que será o resultado do plan de reorganización de efectivos do Concello.

O capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, medra ata os 49.327.143,56 euros, cun incremento do 3,39% respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019. Neste capítulo contémplanse, entre outros, os créditos axeitados e suficientes para facer fronte á licitación e adxudicación, durante este ano, de contratos básicos e estratéxicos para o Concello, coma o de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado urbano. O custo anual do contrato en execución na actualidade é de 3.411.709,96 euros. Prevese que o custo anual do novo contrato, segundo o orzamento de licitación, ascenda a 4.150.592,96 euros (un 21% máis).

Outro dos servizos é o de recollida de residuos e limpeza viaria, que a día de hoxe ten un custo anual de algo máis de 7,9 millóns de euros. Prevese que o custo deste contrato, segundo o orzamento de licitación, pase agora a máis de 10 millóns de euros (un 26% máis).

Neste capítulo tamén ocupa un lugar destacado o servizo de axuda no fogar, que pasa a ter unha partida de máis de 3 millóns de euros anuais, fronte aos 1,9 millóns do actual contrato.

Ademais, o servizo de conserxería, limpeza e control das instalación dos CEIP dependentes do Concello, pasará dun custo anual de 1.056.985,92 euros a 1.300.000 euros, o que supón un incremento de máis do 22%.
Outros servizos que se licitarán e adxudicarán ao longo deste presente ano, e que se relacionan no capítulo 2 de gastos, son, entre outros, o contrato de limpeza de instalación municipais, o de xestión do servizo da Escola Municipal de Música e o de xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas.

O capítulo III de gastos financeiros ascende a 397.504,93 euros e presenta unha diminución do 48,16% con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

TRANSFERENCIAS CORRENTES

O capítulo IV de transferencias correntes do proxecto de orzamento ascende a 14.812.819,83 euros e presenta un aumento do 3,28% respecto ao orzamento de 2019. Destaca o incremento da achega ao Auditorio de Galicia nun 3,09%, ata os 1.340.210,00 euros. Representa o 9,05% do total do capítulo IV de gastos.

Tamén significativo é o o aumento nun 1% da achega ordinaria para funcionamento da sociedade municipal INCOLSA, ata os 2.485.000,00 euros, o que representa un 16,78 % sobre o total do capítulo IV de gastos. Mantense achega ordinaria ao Consorcio da Cidade de Santiago, por 1.406.216,74 euros (o 9,49 % do total deste capítulo), e increméntase a subvención ao transporte nun 4%, ascendendo a 4.960.527,76 euros, o que supón un 33,49 % do total do capítulo IV de gastos.

Outras transferencias correntes salientables realizaranse á Fundación Granell, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, á Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a UNINOVA, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a Fundación Refuxio de Animais.

O capítulo V de fondo de continxencia e outros imprevistos ascende a 173.456,25 euros (un 73,46% máis), ao recoller unha consignación de con respecto do orzamento inicial do exercicio 2019. 73.456,25 euros para dar cobertura á posible suba salarial variable recollida no RD-Lei 2/2020, de 21 de xaneiro.

OPERACIÓNS DE CAPITAL

Os gastos por operacións de capital do orzamento do Concello para o exercicio 2020 ascenden a 15.424.505,02 euros. Prodúcese en termos globais un aumento do 50,56 % respecto ao orzamento do exercicio 2019. O capítulo VI de investimentos reais ascende á contía de 14.618.655,02 euros e presenta un aumento do 159,97% con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Con cargo ao orzamento de 2020, destacan investimentos como: vieiro de Clara Campoamor, por 1.127.482,74 euros; recuperación do Campus Sur para a cidadanía, por 200.000 euros; Castelo da Rocha, no que está previsto investir 266.495,41 euros; mellora dos accesos ao Parque de Belvís e adecuación Casa da Xuventude, por 200.000 euros; aparcadoiro do Castiñeiriño, 470.000 euros; aparcadoiro da Altiboia, por 176.376,00 euros; e reurbanización de Concheiros e aparcadoiro Triacastela, por 1.332.528,76 euros.

Tamén se prevén outros investimentos como as obras de reparacións dos muros de Fontiñas, Pombal e Costiña do Monte, por 1.010.000,00 euros; o selado do Vertedoiro de Aríns; ao que se destinarán 200.000 euros; e a consolidación das ruínas de Caramoniña, por 120.000 euros.

Igualmente, contémplase crédito destinado á reforma de instalacións deportivas e á reforma de centros socioculturais (CSC). No relativo ás instalacións deportivas contémplase no orzamento medio millón de euros para facer fronte, de xeito prioritario, á reposición e substitución do céspede sintético de tres pistas de pádel ubicadas no complexo deportivo de Sar, e á execución do peche perimetral e mellora do terreo de xogo do campo de fútbol das Cancelas. No relativo aos CSC contémplase no orzamento a cantidade de 300.030,62 euros, destinada á reforma da antiga biblioteca de Caixa Galicia na praza de Salvador Parga, que se converterá no Centro Sociocultural da Cidade Vella.

O capítulo VII de transferencias de capital ascende a 805.850,00 euros e presenta unha diminución do 82,56% con respecto ao orzamento do exercicio 2019. Achégase unha transferencia de capital á Comunidade Autónoma por importe 240.600,00 euros para o financiamento da pasarela da estación intermodal; e tamén se achega unha transferencia de capital a favor da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España por 240.600 euros, para o financiamento do convenio asinado en relación ás obras de mellora da EDAR da Silvouta. Tamén son salientables as axudas municipais complementarias convocadas ao abeiro dos plans estatais de vivenda nas áreas de rexeneración e renovación urbana do Concello, cun importe de 175.000 euros.

OPERACIÓNS FINANCIEIRAS

As operacións financeiras do orzamento do Concello para o exercicio 2020 ascenden a 2.934.621,99 euros. Prodúcese unha diminución do 8,11 % con respecto ao orzamento do exercicio 2019.

No capítulo VIII do estado de gastos (activos financeiros) aparece recollida a consignación de crédito destinado a concesión de préstamos ao persoal e que está directamente relacionada co capítulo VIII de Ingresos, cunha contía de 65.000 euros. Tamén se recolle neste capítulo de gasto unha consignación de 5.000 euros para atender a compra dun 2% do capital social da mercantil Uninova.

O capítulo IX do estado de gastos (pasivos financeiros) ascende á contía de 2.864.621,99 euros e presenta unha diminución do 8% con respecto ao orzamento do exercicio 2019.

CINEUROPA

O Pleno tivo un segundo punto na orde do día, para permitir ao Auditorio de Galicia ter a capacidade financeira para a contratación plurianual dos servizos de dirección, produción e realización do Festival Cineuropa. Votaron a favor PsdeG-PSOE, CA e BNG e abstívose o PP.

Antes de comezar o pleno, interveu Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa).

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org