Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde anuncia que o servizo de transporte incluirá por primeira vez na historia a zona rural

03/03/2020

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo sinalou hoxe que "por primeira vez na historia" o concurso de transporte público "vai incluír á zona rural". Será, engadiu, un transporte público municipal. Aclarou, ademais que para a zona rural, que conta con 16.000 habitantes, destinaranse 2,8 millóns de euros a investimentos. Foi nunha rolda de prensa na que comezou falando dos orzamentos, aprobados en pleno o pasado luns, e que ascenden a case 117 millons de euros. O rexedor afirmou non estar "plenamente satisfeito", xa que "sempre hai cousas" que quedan por incluír nas contas.
Para o alcalde, "o esencial é que a aprobación destas contas é un paso necesario, unha condición 'sine qua non' par que temas centrais para a cidade poidan saír adiante". Entre eles citou servizos como o transporte, o Servizo de Axuda no Fogar, o arranxo de parques e xardíns ou a iluminación; así como a reparación dos muros do Pombal, Costiña do Monte e Fontiñas. Pero, recoñeceu "hai outras moitas cousas" que ao Concello lle gustarái facer, pero, aclara, "non tiveron encaixe orzamentario" polo feito de que os recursos "son limitados" e o "marco legal" aprobado polo ex-ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro, "limita a capacidade de endebedamento".

ANO SANTO

Sobre as reunións mantidas en Madrid coa ministra de Industria e Turismo, Reyes Maroto; e co titular de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes: Sánchez Bugallo, sinalou que o goberno central "comprende e comparte o compromiso co Ano Santo 2021 e cos Camiños de Santiago". Aclarou, tamén que a cidadanía será a principal beneficiada das actuacións que se realicen de cara ao Xacobeo, "porque o que se faga vai quedar en Santiago para use e desfrute dos composteláns". O rexedor explicou que lle presentaron ao goberno central "a proposta do que consideramos necesario para garantir un extraordinario Ano Santo, pero que tamén permitirá que a cidade quede cunhas infraestruturas e equipamentos que nos serán moi útiles para o futuro".

Tamén explicou que o ministro de Cultura estaba moi interesado na convocatoria do Real Padroado este mesmo ano. Queda pendente a data, que se ten que axustar ás axendas da Casa Real, do Goberno Central e da Xunta de Galicia. Unha reunión, a do Real Padroado, trascendental, segundo explicou, porque marcará o programa de actuacións para o periodo 2021-2032, e garantirá, dixo "moitas actuacións para Santiago nos próximos 12 anos" así como a viabilidade do Consorcio de Santiago nese periodo.

En materia de promoción turística, Sánchez Bugallo destacou o compromiso de Reyes Maroto que "puxo á nosa disposición as 33 oficinas internacionais de Turespaña", aínda que, explicou, "só procuraremos a presenza estable naquelas que consideremos necesarias e prioritarias", pero en todas elas haberá, engadiu, material promocional, e Santiago participará en campañas publicitarias e outras accións promocionais.

Respecto á xuntanza mantida coa subsecretaria de Facenda, valorou o compromiso para que na Lei de Orzamentos de 2020 se recupere a disposición adicional que previa unha achega extraordinaria para o Ano Santo a través do Consorcio de Santiago. Destacou que esta aportación é tamén "unha forma de reforzar o protagonismo deste organismo interadministrativo".

O rexedor agarda, segundo dixo, recibir pronto a visita do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, do que agarda "recibir algunha noticia sobre a intermodal". A propósito desta, lembrou que o luns comezarán as obras da rúa de Clara Campoamor, que inicialmente non implican cortes na circulación.. Sobre o Orbital, explicou que se presentaron 28 ofertas e que a intención do Ministerio "é realizar a adxudicación provisional en torno ao 17 de marzo e que as obras poidan empezar a primeiros do verán". Sobre o orbitaliño, indicou, "a previsión é que o proxecto saia a información pública esta primavera, aprobar o proxecto e sacar a licitación a obra este ano", coa intención de que "as obras do orbital e do orbitaliño poidan concluír ao mesmo tempo".

PREGUNTAS
A preguntas dos xornalistas, sobre as declaracións do presidente da Xunta de que Santiago estaba mellor ahora que en 2009, Sánchez Bugallo sinalou que se trata de "unha opinión en campaña electoral", e que "aínda temos que traballar un pouco para recuperar o brillo de 2009 e 2010".

Tamén a preguntas dos xornalistas, o alcalde sinalou que espera que o luns se liciten as obras de Concheiros, e se a documentación está lista, se licite tamén SAF, o Servizo de Asistencia no Fogar.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org