Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ECONOMÍA

O Goberno local aproba un abano de medidas para aliviar a carga fiscal de familias e empresas

25/03/2020

O Concello de Santiago, co obxectivo de aliviar a carga fiscal das familias e empresas compostelás, adoptou un abano de medidas das que deu conta o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo despois da Xunta de Goberno. As propostas están relacionadas co IBI, coa taxa de lixo, e coa taxa de dominio público por mesas e cadeiras, e cos prezos públicos das escolas infantís e da Escola Municipal de Música. Tamén se acordou, mentres dura o estado de alarma, non cobrar os recibos das escolas infantís municipais e da Escola Municipal de Música, que continúa co servizo on-line. Ademais, deuse orde de continuidade a distintas empresas que prestan servizos ao Concello.
A Xunta de Goberno Local acordou que se incoen os procedementos necesarios para que:

- En relación co imposto de bens inmobles, se habilite un novo prazo para poder acollerse ao sistema especial de pago ata o 31 de maio do 2020. Isto permitirá poder pagar o tributo en tres prazos (5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro), sen intereses. Indicar que actualmente, o prazo para acollerse ao sistema especial de pago do IBI, rematou o 1 de febreiro.

-En relación coa taxa de lixo, para actividades afectadas pola declaración do estado de alarma, que non se aplique a cota variable do tributo durante o período de tempo no que deban de permanecer pechados.

- En relación coa taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, que se minore o importe do recibo polo tempo no que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do estado de alarma.

Ademais, instarase ao Goberno Central, a través da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), que o aprazamento das débedas que habilitou o Executivo para a Administración Xeral do Estado se poida aplicar a outras administracións, en concreto ás entidades locais, para que os obrigados poidan aprazar os pagos das súas débedas ata tres meses sen intereses.

Finalmente, respecto ao recibo do IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica), o período para abonalo remata o 5 de maio. Estase a estudar a medida a adoptar para facilitar o pagamento do mesmo, no suposto no que se prolongase o estado de alarma.

Contratos
Na Xunta de Goberno Local continouse dando orde de continuidade a distintas empresas de servizos, co obxectivo de garantir todos os postos de traballo, garantir a prestación de todos os servizos da cidade, e facelo coa maior seguridade xurídica e a menor afectación para o diñeiro público.

Segundo explicou o alcalde, as ordes de continuidas de emitidas hoxe, xunto as emitidas en xuntas de goberno anteriores, afectan a máis do 90% de contratos que mantiña o Concello con distintas empresas. Trátase, explicou Sánchez Bugallo, do servizo de mantemento do Castelo da Rocha; do SAF (Servizo de Axuda no Fogar); do servizo de mantemento e reparación de instalacións térmicas do Concello; do servizo de prevención de riscos laborais; do servizo de actualización do catastro; do servizo de asesoramento e actualización na inspección fiscal; do servizo de radiocomunicación, trunking de voz e datos; do servizo de conservación e nova implantación de sinalización horizontal e vertical; e do servizo de execución de obras diversas de conservación, mantemento e reparación de pavimento nos viarios.

Outras medidas
A Xunta de Goberno tamén acordou convalidar os contratos adxudicados pola Alcaldía mediante tramitación de emerxencia e de conformidade coa habilitación conferida pola Xunta de Goberno Local na sesión do pasado día trece. Estes contratos son: "Subministración de medicamentos para persoas en situación de vulnerabilidade social", adxudicado a Farmacia Cotón y Ferreiro, por un prezo máximo de 6.000 euros, IVE incluído; "Subministración de alimentos e produtos de hixiene básicos a persoas en situación de vulnerabilidade social do Concello de Santiago de Compostela adxudicados por 10.000 euros, IVE incluído, a Alcampo, Día, Froiz, Gadis, El Corte Inglés, e Vegonsa; servizos de vixiancia e seguridade 24 horas no Seminario Menor de Belvís, polo tempo que dure o estado de alarma, adxudicado a Servicios SPR Vilanova, por un prezo de 17,91 euros a hora, IVE incluído; servizos de desinfección nos edificios e instalacións do Concello, adxudicado a Aceuve por un prezo de 35.690,38 euros, IVE incluído; servizos de limpeza e desinfección dos vehículos do parque móbil do Concello, adxudicado a Compostela Car Service, por un prezo de 24,20 euros por vehículo, IVE incluído; servizo de desinfección da Praza de Abastos, adxudicado a Spartana Control Service, por un prezo de 4.325,33 euros, IVE incluído; e subministración luvas, adxudicado a Norfix Sistemas de Seguridde por un prezo de 2.217,94 euros, IVE incluído.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org