Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

O concello atende a 2.300 persoas a través dos programas sociais postos en marcha a raíz da crise do COVID19

30/03/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou a posta en marcha este mesmo luns dos tickets especiais de compra, que xa hoxe poden recoller unhas 400 familias para mercar alimentos e produtos básicos en varias tendas de barrio e cadeas de supermercados.
Sánchez Bugallo explicou que o pasado venres eran xa 532 familias, formadas por 1.294 persoas, as que xa solicitaran, coa validación dos Servizos Sociais, estes tickets especiais de compra. O alcalde indicou que esta cifra superou as previsións e cre que nestes días seguirá medrando a cifra de familias solicitantes a través do teléfono 010. Lembrou que a través destes bonos, a familias teñen unha alimentación "de calidade", xa que permiten comprar alimentos frescos, fronte aos paquetes de comida que se seguen entregando e que só conteñen produtos non perecedoiros.

A esta cifra de 1.294 persoas, o rexedor sumou os/as 265 nenos/as que reciben a súa comida a través do servizo de comedor escolar, as 235 persoas atendidas pola Cociña Económica, as máis de 300 que reciben a atención domiciliaria e as outras 300 persoas que reciben regularmente paquetes de comida. Por iso, cifrou en máis de 2.300 as persoas que neste intre están recibindo atención directa do Concello. "Temos a necesidade e a obriga de que ningunha persoa de Santiago quede desasistida nunha situación como esta", indicou. Situou o custe extraordinario que estas medidas de atención supoñen para as arcas municipais entre os 50.000 e os 60.000 euros semanais.

En calquera caso, reiterou a súa petición de colaboración cidadá para "algo tan sinxelo como chamar por teléfono e interesarse pola situación das persoas que viven soas e en dificultades. Necesitamos ese apoio da cidadanía para cubrir espazos a onde non ten capacidade de chegar a Administración pública". Neste sentido, recordou que segue á disposición da cidadanía o teléfono 010, en horario de 8:00 a 20:00 horas.

Neste punto, o alcalde aproveitou para agradecer o traballo de voluntariado que se realiza a nivel individual ou dende algunhas entidades, pero tamén a necesidade de que estas persoas teñan a debida preparación e o equipamento necesario para atender determinadas situacións.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org