Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

Sánchez Bugallo anuncia que o goberno municipal destinará 8 millóns de euros de remanentes a obras e a axudar aos sectores máis castigados pola crise sanitaria

11/11/2020

O Goberno Municipal ten previsto destinar 8 millóns de euros, dos 9 procedentes de remanentes de tesouraría; a axudas aos sectores do comercio, a hostalaría e a cultura, os máis castigados pola restriccións derivadas das medidas anticovid. Tamén se destinarán a distintas obras, repartidas por toda a cidade. A proposta, tratada onte na Xunta de portavoces, irá a pleno, previsiblemente, o vindeiro 17 de novembro. O rexedor espera que saia adiante por unanimidade despois do "enorme esforzo de aproximación" que, di, realizou o executivo municipal.
Está previsto que destes 9 millóns, un se destine a pagar a sentenza pola non actualización das tarifas de XADE (empresa municipal que xestiona o Multiusos Fontes do Sar e Santa Isabel) entre os anos 2011 e 2018; 4,5 millóns a obras; e 3,5 millóns de euros a axudas a distintos sectores económicos afectados pola pandemia, aos que se suma o millón que vai aportar a deputación da Coruña, polo que a cantidade ascendería, segundo explicou o alcalde, a 4,5 millons. Para Sánchez Bugallo "é evidente que se fixo un esforzo de aproximación de posturas moi grande" coa oposición.

Sobre os 3,5 millóns de euros en axudas, teñen como obxectivo apoiar económicamente aos sectores máis afectados polas restriccións impostas pola Xunta para frear a curva de contaxios por COVID19. Segundo explicou o alcalde, está previsto que 1,6 millóns se destinen a axudas directas ao sector hostaleiro, que tamén recibirán 300.000 euros en bonos de consumo. En total, a partida ascenderá a 1,9 millóns de euros. O sector comercial percibirá uns 900.000 euros: 500.000 para a cobertura de gastos correntes e outros 400.000 euros en gastos de capital. E para o sector cultural destinarase unha cantidade de 600.000 euros. Estas cifras, explicou Sánchez Bugallo, poderanse incrementar unha vez que o Concello de Santiago dispoña das partidas que reserva a Deputación da Coruña para apoiar aos sectores afectados pola pandemia.

OBRAS

A obras, está previsto que se destinen 4,5 millóns de euros. As actuacións máis importantes enumeradas polo alcalde son o acondicionamento dun tramo da Rúa do Hórreo fronte á estación de tren, ao que se van destinar uns 600.000 euros; outrso 600.000 serán para obras no Parque do Cotaredo de San Lázaro; 400.000 para o campo da festa do Castiñeiriño, 270.000 euros en distintas actuacións de accesibilidade na cidade, e 170.000 euros para reformar os servizos públicos da Alameda e a renovación do céspede no campo de fútbol do Sergas, entre outras actuacións.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org