Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Opinión

OPINIÓN EL CORREO GALLEGO

DESEMPREGO E PRECARIEDADE

11/08/2017

Paco Reyes Santías, voceiro do grupo municipal socialista
O desemprego é un dos principais problemas de Santiago. E non o digo eu, senón que segundo a EPA do primeiro cuatrimestre de 2017, hai 9.100 persoas que buscan un emprego e non conseguen atopalo e somos a cidade galega na que máis creceu o paro, cun 21,3%. Outro dato: atendendo ás últimas cifras do Servizo Público de Emprego, supostamente en Santiago creáronse preto de 900 novos postos de traballo respecto do mesmo mes do ano pasado, pero se nos fixamos no número de contratos, estes só aumentan en 300 Como é posible crear 878 empregos cando o número de contratos só creceu en 422? Non saen as cifras. Ademais, o número de novos postos sen contrato anterior é de 37. Definitivamente, non saen os números.
Tamén quero destacar a diminución de afiliacións á Seguridade Social na poboación traballadora entre 25 e 39 anos, con respecto ao mesmo período do ano pasado, en dous puntos e medio. Isto quere dicir que parte importante da nosa mocidade está a perder o seu emprego e a marchar fóra porque non ve futuro aquí.
Sobre a resposta dada por Compostela Aberta para atallar este gran problema, o Plan de Emprego, quero lembrar que foi aprobado polo goberno en solitario, que non quixo contar cos outros grupos políticos. CA non considerou necesario promover un gran pacto, non só cos axentes sociais e económicos, senón tampouco cos representantes da cidadanía, que representan máis do 61% dos votos emitidos. E non considerou oportuno un gran pacto político para afrontar o que leva practicamente unha década afogando a un número importante de familias.
Santiago ten un grave problema de paro, e tamén de precariedade do emprego creado. Polo tanto, o goberno local, debe utilizar as ferramentas que ten -e as ten- para tratar de crear e fixar emprego de calidade na nosa cidade. O apoio ás cooperativas con microcréditos coa banca ética; a posta en marcha de obradoiros de emprego que potencien a rehabilitación da cidade e melloren o seu mantemento; a formación orientada a dar resposta real e efectiva á demanda existente; e a posta en marcha de actuacións que sexan xeneradoras de emprego (como plataforma loxística, o bioclúster ou a cidade da imaxe e son) son algunhas das medidas que levábamos no noso programa e que seguen estando na nosa axenda política.
O certo é que, coa situación actual, son moitas as preguntas e poucas as respostas que temos escoitado nestes dous anos. E máis, algunhas das respostas están nos datos, uns datos que arroxan unha conclusión: que realmente o desemprego non é unha prioridade para o grupo de goberno. A cidadanía precisa de solucións concretas, de orzamentos e de accións delimitadas en tempo e forma, non de boas palabras.


Volver

filiate
suscrición



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org