Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Opinión

ARTIGO DE OPINIÓN El Correo Gallego

Non é ouro todo o que reluce

23/08/2017

Paco Reyes, voceiro do grupo socialista
En pleno mes de agosto e coas rúas do casco histórico repletas de xente, é posiblemente o mellor momento para analizar máis polo miúdo os datos sobre turismo que din que non existen razóns para esa euforia desmedida que vén amosando o goberno local nestes dous anos de mandato. Así, podemos botar unha ollada aos diferentes informes que se van coñecendo nestas datas, como o documento "Demanda Turística de Santiago 2016", de CETUR da Universidade de Santiago, no que se constata que as pernoctacións medias en Santiago en 2016 foron un 8,7% menores que en 2015, un 4,4% que en 2014 e un 8,7% inferiores que en 2013, o que significa que a pernocta media, unha das principais patoloxías deste sector na cidade, segue baixando. De feito, a porcentaxe de turistas que pasan noite en Compostela con respecto aos excursionistas ten baixado con respecto a 2015 (dúas décimas) e 2014 (un punto), e o mesmo acontece co gasto por turista, que se situou en 2016 en 56,29 euros, mentres que en 2015 era de 58,23. Este dato tamén foi negativo no relativo aos excursionistas, que pasou dos 28,98 euros por persoa en 2015 aos 26,93 euros en 2016.

Os datos de barómetro da rendabilidade en destinos urbanos do primeiro cuatrimestre tampouco son para tirar foguetes, nin moito menos, e reflexan que o ingreso medio por habitación é de 23,2 euros, mentres a media sitúase en 55,9 euros. Polo tanto, a rendabilidade en Santiago é inferior á metade da media estatal, o que constitúe un serio problema para un sector estratéxico no noso municipio.
En canto aos datos de Urbantur de 2016, que publica Exceltur, indican, con respecto ao último de 2012, que o destino de Compostela baixou postos en numerosos apartados, quedando no ránking xeral no noveno -é dicir, un por debaixo que en 2012-. Podo citar algúns exemplos, como o turismo de familia, con catro postos menos; o gastronómico, onde baixamos nove postos; o de afluencia social e congresos, con cinco; a estadía media, con 13 postos por debaixo; proxección social, con seis; ou a dotación de wifi gratuita, con unha baixada de tres postos con respecto a 2012. Conclusión: estamos aínda en niveis peores que os de Reyes Leis de 2012.
E as cifras de turismo do primeiro semestre confirman que non hai récord e, con respecto ao ano Xacobeo de 2010, mesmo produciuse unha baixada do 16,5% en viaxeiros nacionais, dun 34% en pernoctas -tamén de nacionais- e dun 14,5% en estadía media global, quedando moi lonxe das dúas noites.
Por tanto, é evidente que hai xente na cidade, pero existen moitos aspectos nos que traballar, sobre todo no que se refire a fixar en Compostela o turismo de calidade. Non é ouro todo o que reluce.

Volver

filiate
suscrición



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org