Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Opinión

ARTIGO DE OPINIÓN EL CORREO GALLEGO

O noso rural, o noso futuro

21/01/2018

Paco Reyes
Vivimos nun municipio no que boa parte dos seus 223 quilómetros cadrados correspóndense con zona rural. De feito, o Concello de Santiago ten 29 parroquias, o que dá unha idea da importancia cuantitativa do rural de Compostela. Pero máis aló de cifras, o certo é que o desenvolvemento, e por tanto o presente e futuro do municipio, non se poden entender sen unha aposta real pola nosa zona rural. As desigualdades históricas con respecto ao ámbito urbano son unha realidade que debemos afrontar e tratar de resolver na medida das nosas posibilidades.
Que a día de hoxe aínda haxa vivendas sen saneamento ou sen acceso a Internet resulta intolerable, e a isto hai que sumar os múltiples problemas de transporte, estado de viarios ou mantemento de cunetas e espazos verdes que se veñen arrastrando. Por iso, desde o grupo socialista tratamos de reverter esta situación, propoñendo medidas dirixidas non só a paliar estas carencias, senón tamén co obxectivo de colocar ao rural compostelán en primeira liña, de forma que se converta nunha zona habitable, confortable e, a maiores, nun xacemento de emprego grazas ao turismo -propuxemos unha ruta para coñecer os nosos vestixios e restos prehistóricos- e ao emprendemento a través de cooperativas con microcréditos con banca ética e potenciación de produtos frescos e ecolóxicos -promovendo a súa venda nos mercados locais e introducindo este tipo de alimentación nos menús dos comedores de centros públicos-.
Sen dúbida, un dos nosos maiores logros deste mandato como oposición foi conseguir nas Ordenanzas de 2016 unha bonificación de ata o 95% para as explotacións agrarias, así como investir integramente no rural a recadación obtida da reforma do Catastro nos orzamentos de 2017, devolvendo desta forma a través de diversas actuacións a quen máis se viu afectado por esta decisión do Goberno central.

Volver

filiate
suscrición



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org