Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Opinión

ARTIGO DE OPINIÓN EL CORREO GALLEGO

Unir, cohesionar, revitalizar: cuestión de prioridades

10/02/2018

Paco Reyes, voceiro do PSdeG-PSOE
Conseguir que Santiago sexa unha cidade cohesionada e vertebrada debe ser un dos obxectivos de calquera goberno que aspire a facer de Compostela un lugar habitable. Así, resulta prioritario romper as barreiras que existen e que impiden a necesaria conexión entre barrios, como Romeu Donallo -entre Conxo e Ensanche-; a praza de Galicia -entre centro histórico e Ensanche-, avenida de Lugo -entre rúa Fontiñas e barrio de Fontiñas- , Conxo -cunha rotonda que rompe a unión entre Conxo de Arriba e de Abaixo-; e as vías do ferrocarril -barreira que quedaba resolta nos proxectos de intermodal de Ferreiros e Moneo-.
Un Plan de Mobilidade adaptado á realidade local, coa participación do departamento de Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, convértese, sen dúbida, na ferramenta fundamental para deseñar o modelo de cidade e, por tanto, plasmar as accións necesarias a superar as devanditas barreiras.
Este plan tamén debe abordar outro dos problemas máis perentorios que ten Compostela e que podemos encadrar dentro deste ámbito: o aparcadoiro. A eliminación de prazas en superficie no Ensanche pola que optou o goberno local non é, polo menos baixo o noso punto de vista, a solución, senón máis ben ao contrario, xa que esta decisión de CA está a afectar negativamente ao pequeno comercio.
Fronte a isto, o noso grupo posicionouse desde o primeiro día por outra fórmula, a da rotación, a da ORA gratuíta, unha fórmula que funciona desde hai moitos anos en Ferrol, e que desde hai menos, tamén se adoptou en localidades como Pontevedra ou Lugo. Aproveitar este longo debate ao redor da municipalización deste servizo para poñer encima da mesa a gratuidade da ORA, cun sistema de rotación por tempo en cada praza, non é cuestión menor e, desde logo, supón para o grupo municipal socialista unha solución factible para liquidar o problema existente en diversos puntos da cidade.
Esta medida debe ir acompañada da decisión do grupo de goberno de realizar unha achega municipal aos parkings concesionados para reducir as tarifas que resultan excesivamente custosas para moitas familias. Deste xeito, estou convencido de que se produciría unha revitalización do comercio e a hostalería, tan necesitados de accións de potenciación e mellora.
Mentres, ademais, seguimos agardando por catro dos cinco aparcadoiros en superficie prometidos pola Xunta do entón conselleiro, posterior alcalde e na actualidade voceiro do PP de Santiago, Agustín Hernández. Estas actuacións, que contribuirían a cohesionar, vertebrar e revitalizar a cidade, ata o momento son só iso, promesas. E as promesas voan co vento.

Volver

filiate
suscrición



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org