Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Opinión

ARTIGO DE OPINIÓN EL CORREO GALLEGO

Pisos turísticos

07/04/2018

Paco Reyes, voceiro do Grupo Municipal Socialista
Comezarei esta reflexión empregando unha frase que lle escoito con bastante frecuencia ao alcalde compostelán, Martiño Noriega: "A realidade é poliédrica". Ben, pois efectivamente, en moitas ocasións a realidade ten moitas caras e, para acertar -ou tentalo-, é necesario miralas todas con detemento. E iso é o que acontece cos pisos de uso turístico, de crecente actualidade en Galicia e, dun xeito especial, en Santiago, onde unha moratoria de Compostela Aberta leva máis dun ano impedindo o outorgamento de licenzas no casco histórico tanto para establecementos hoteleiros convencionais como de vivendas vacacionais.
Esta decisión supón un atranco para o que debería ser a elaboración dun regulamento que a todas luces resulta necesario para un sector que precisa de respostas e dunhas solucións para as que o goberno local o primeiro que debe facer é escoitar a todas as partes, incluída a asociación de propietarios destes pisos. Ademais, Compostela Aberta ten que emitir un informe e unha análise seria da situación, que recolla estudos diversos e tanto dos que están a favor desta modalidade de aloxamento turístico como dos que a rexeitan.
Fronte as teorías que din que estes pisos provocan un incremento dos alugueres ou que botan á veciñanza dos cascos históricos, referireime, para por enriba da mesa outros argumentos, a informes dalgunhas das cidades pioneiras nesta modalidade de aloxamento turístico, como é o coñecido caso de Barcelona. A este respecto, existen estudos recentes que din que o incremento dos prezos dos alugueres débese á maior poboación rexistrada nestes dous últimos anos -asentada en moitos casos nos barrios máis céntricos da cidade condal-, e que mesmo por este incremento de habitantes se teñen reducido en 1.100 os pisos turísticos en favor dos alugueres tradicionais.
Porque, máis aló destas críticas que se están a empregar por parte dos detractores dos alugueres para uso turístico, o que se coñece do seu impacto en Santiago, é que, segundo Esade, ademais de completar as rendas familiares, un tercio do gasto dos turistas vai para os comercios de proximidade; un tercio dos turistas non viaxaría de non ter a oportunidade de aloxarse neste tipo de vivendas; xeran emprego -case o 50% teñen a unha persoa ao cargo e outro tanto a unha persoa para a limpeza-; e moven a economía da cidade -tres de cada catro vivendas realizan reformas e mercan mobiliario-. Así mesmo, grazas ao informe realizado por Incolsa -que non é sospeitoso de defender esta opción de aloxamento, e que vén a recoñecer datos dos que alertamos dende o PSdeG-PSOE, como a baixada do gasto por turista e do número de pernoctas-, o número de noites é maior que nos hoteis convencionais, pasando de 1,67 a 2,68 noites.
Polo tanto, escoitemos ás partes, coñezamos polo miúdo e sen facérmonos trampas e fagamos un regulamento que, polo que semella, vaia polo camiño do medio.


Volver

filiate
suscrición



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org