Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

GRUPO PARLAMENTARIO DO PSdeG-PSOE

Texto da pregunta relativa á parcela de Xoán XXIII

Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Raúl Fernández Fernández e Patricia Vilán
Lorenzo, deputados e deputada do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentaron ante a mesa do Parlamento unha pregunta para a súa resposta escrita relativa á parcela titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo na Avenida Xoán XXIII, e destinada á construción de vivendas en réxime de aluguer.
Esta parcela procede das sobrantes do terreo expropiado con motivo do
Ano Santo de 1971 para a construción desta rúa, sendo esta parcela a única que permanece sen edificar. Outras das parcelas foron destinadas á construción da biblioteca pública, do aparcadoiro ou mesmo das pistas polideportivas e do polideportivo Lorenzo de la Torre.

Polo menos desde o ano 2005 a Consellería de Vivenda, e o IGVS despois, están enredados nun incomprensible proceso que despois de case unha década chega ata o día de hoxe sen que nin sequera estea encargada a redacción do proxecto.

Recentemente o anterior conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, actualmente alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a nova directora xeral do IGVS anunciaron en todos os medios de comunicación un acordo para edificar esta parcela consistente en entregarlla a un promotor inmobiliario a cambio de que este constrúa pisos protexidos no barrio do Castiñeiriño.

Esta solución absolutamente incualificable que ao tempo que pon en evidencia a total incompetencia demostrada polo IGVS, expresa a falta de sensibilidade e de criterio do propio rexedor municipal. O alcalde anuncia a revisión do Plan especial da cidade histórica para traer poboación moza e aumentar a diversidade social pero coa única parcela de titularidade pública dispoñible realiza a proposta á que antes nos referimos.

Por todo o anterior os deputados que asinan formulan as seguintes
preguntas:

1ª) Cal é a situación actual da parcela titularidade do IGVS sita na Avda. de Xoán XXIII en Santiago de Compostela?

2ª) Cales son as razóns que explican que despois de seis anos do Goberno
actual da Xunta nin tan sequera estea contratada a redacción do proxecto de obra?

3ª) Que informes técnicos, económicos e xurídicos avalan a decisión que se pretende adoptar?

4ª) Por que razón non se cumpre o comprometido, é dicir, por que non se
constrúen os pisos de protección en réxime de aluguer previstos?

Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org