Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

Xosé A. Sánchez Bugallo

Xosé A. Sánchez Bugallo

ORZAMENTOS DA XUNTA PARA SANTIAGO

Santiago recibe da Xunta dez veces menos que en 2009

Trátase da asignación orzamentaria da Xunta para Santiago máis baixa desde 1988, segundo denunciou o deputado Xosé A. Sánchez Bugallo, que está convencido de que estes orzamentos "non axudarán a combater a crise nin a crear emprego" e que a Xunta "non cumpre as obrigas e compromisos asumidos coa nosa cidade".

O deputado Xosé A. Sánchez Bugallo e o voceiro do grupo municipal socialista Francisco Reyes, fixeron hoxe unha valoración sobre os orzamentos que a Xunta asigna a Santiago para o vindeiro ano.

Segundo explicaron, en cinco anualidades Santiago pasou de recibir 150 millóns de euros por parte da Xunta (que recibía en 2009, ano de maior asignación) a 15 millóns de euros para 2013.

O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Francisco Reyes, incidiu en que estes orzamentos- que supoñen a metade do asignado para 2012- "amosan a falta de compromiso coa cidade". "É certo que estamos nunha crise económica pero non é a mesma para todos", para o que puxo como exemplo as cidades de A Coruña e Ourense, que levan máis de 53,6 millóns de euros para investimentos e 31, respectivamente. Santiago tan só recibe 15 dos cales 6 son para a Cidade da Cultura, o que amosa tamén "a falta de peso político do alcalde, como xa demostrou cos orzamentos xerais do Estado".

Especificamente para a cidade son 100.000 euros para a variante de Aradas, "insuficientes", segundo explicou o deputado, para pagar o custo do proxecto establecido en 200.000 euros. Para a Escola Oficial de Idiomas son 129.000 euros, un descenso sobre os 200.000 que tiña para 2012. Esta cifra "garante que tampouco empezarán as obras para 2013", denunciou Bugallo. Hai 3,3 millóns de euros para o centro de saúde de Galeras pero non hai nada para o centro de saúde de Conxo, un compromiso que se mantivera ata despois do verán con Feijoo, pero que desapareceu despois, lembrou o voceiro Francisco Reyes. O centro é unha necesidade para a asistencia sanitaria da zona pero tamén para dinamizar a situación económica da área de Conxo, Santa Marta e Avenida de Ferrol.

Queda ademais "totalmente esquecido", indicou o voceiro do grupo municipal no Concello, o plan director do complexo universitario de Santiago. Desde hai dous anos "desapareceu dos orzamentos e non volveu aparecer", mais si que se mantén o plan director do complexo hospitalario da Coruña con 21 millóns de euros e o de Ourense con 14 (máis 2 de investimentos en infraestruturas). Para Santiago hai "un apartado de reformas diversas por 184.000 euros", denunciou Reyes.

Hai unha partida de 1.179.000 euros para continuar as obras da praza de Abastos (comprometidas nun convenio e cuxas obras están xa en execución), 2,5 millóns de euros para o estatuto da Capitalidade (que sofre un descenso do 8% con relación á cantidade ornamentada para 2012 e do do 20% con relación á cantidade orzamentada para 2009).

Baixada notable dos orzamentos para o Consorcio
Para o Consorcio son 2.284.000 euros, dos que 857.000 serán propiamente para o organismo e 1.427.000 para a Catedral. Independentemente desta cifra global non se cumpren os compromisos de financiamento que obrigarían á Xunta a orzamentar máis de 3 millóns de euros, segundo explicou Bugallo. Tampouco aparece garantido o pago dos atrasos correspondentes (do ano 2010 arrastra unha débeda de 4 millóns de euros que se comprometera a pagar de xeito prorrateado en tres anualidades). Para 2013 a comunidade autónoma tería que pagar 1.427.000, explicou Bugallo, cantidade que se cadra é a destinada á Catedral, xa que a cifra é a mesma, aventurou o deputado socialista. A baixada é "notable", indicou Bugallo, que lembrou que entre os anos 2000 e 2009 o Consorcio recibía 6,5 millóns de euros.

Os orzamentos da Xunta para Santiago esquecen tamén o metro lixeiro que uniría os polígonos industriais da cidade e a ampliación do conservatorio superior de música. Os socialistas non atoparon "ningunha partida referente á depuradora, só os 500.000 euros que deu o Estado", indicou Reyes. Para museos só hai 97.000 euros e para reparación de vivendas 200.000, cando Lugo terá 2.7000 euros.

Doutra banda, "sorprende que Paula Prado fale do importante investimento e mellor transporte metropolitano cando a partida é de 24.753 euros", dixo. Reyes lembrou que cada vez que o grupo do PSOE presentaba iniciativas, proposicións e mocións relativas ao inicio das obras para infraestruturas de Santiago, a deputada Paula Prado votaba en contra, por tanto "é lóxico que estea de acordo con estes orzamentos".

Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org