Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

Xosé A. Sánchez Bugallo

Xosé A. Sánchez Bugallo

ORZAMENTOS PARA A ÁREA DE SANTIAGO

A maioría dos concellos quedan con investimento cero

O parlamentario Xosé A. Sánchez Bugallo recrimina ao Goberno de Feijóo que condene á máis escasa acción investidora da Xunta aos concellos rurais da área compostelá, impedindo que se corrixan desequilibrios, fixen poboación e creen emprego. Salvo Ames, o deputado socialista considera que para o resto dos concellos do área de Compostela houbo unha compoñente discriminatoria na elaboración do capítulo de investimentos nos Orzamentos de 2013
O parlamentario autonómico socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, denunciou que, logo de examinar a partida de Investimentos do Proxecto de Orzamentos da Xunta, para o ano 2013, dos 27 concellos da área de Santiago, 18 quedan excluídos deste capítulo, ou o que é o mesmo, quedan con "investimento cero".

Estamos diante da "máis escasa" acción inversora da Xunta en moitísimos anos, segundo o deputado socialista, quen recrimina ao Goberno de Núñez Feijóo unha "compoñente discriminatoria" con estes municipios na elaboración dos Orzamentos. Para Bugallo, existen moitos concellos rurais do interior coruñés como Trazo, Tordoia, Santiso, Mesía, Sobrado, etc. Que manteñen moitas semellanzas cos concellos da montaña luguesa.

Polo tanto precisan "da mesma protección e investimento para poder fixar poboación, crear emprego e corrixir desequilibrios", apuntou Sánchez Bugallo. Trátase dun maltrato, iso si, que non obedece a cores políticas, o denominador común é o investimento cero na maioría dos concellos rurais das comarcas que conforman a área de Compostela.

Para o parlamentario compostelán, salvo Ames, que foi dotado dunha serie de investimentos "axeitados para o tempo de crise que vivimos" o resto dos concellos non poderán asumir os retos de cohesión social e do territorio.

A capital do Val da Mahía recibe 6.193.149 repartidos no CEIP de Ventín, o IES do Milladoiro, a construción dun centro de saúde e o equipamento doutro centro a través de AGADER e o abastecemento de Ames e Brión.

Séguelle Oroso, con 4.741.337 para o CEIP de Oroso, unha escola que "leva aparecendo nos Orzamentos varios anos e aínda non comezou", critica Bugallo.

O Val de Barcala, ten previsto un investimento de 1.505.155 para a EDAR e os colectores dos concellos de A Baña e Negreira.

Para Teo, os Orzamentos prevén un investimento de 300.000 para o CEIP de Igresa-Calo e para a ETAP (estación potabilizadora) 520.077.

Brión benefíciase dun investimento de 1. 381.266 en ramais de acceso á autovía Noia/Brión.

A reforma do Centro de Formación Agraria de Boqueixón centra todo o investimento previsto neste municipio, un total de 29.469, dividido en varias partidas.

O concello de Padrón aparece no capítulo investimentos grazas aos 263.426 do acondicionamento dunha canalización do río Sar, a través de Augas de Galicia.

Para Santa Comba e Val do Dubra aparecen uns testimoniais 10.000 para a estrada Portomouro-Santa Comba, que "non chega nin para o gasto do proxecto", afirma o parlamentario socialista.

Melide recibirá 7.596 para equipamentos do centro de Saúde.

En conclusión, para Sánchez Bugallo, comarcas enteiras do interior coruñés, conformadas por concellos con moi pouca poboación e dependentes do sector primario, percibirán en 2013 un "investimento cero", como sucede cos concellos da comarca de Arzúa (Boimorto, Touro e O Pino) ou os da Comarca de Ordes ( Frades, Tordoia, Trazo, Mesía...) Unha lista que completarían Rois, Dodro, Mazaricos ou Vedra.

O parlamentario socialista condena que a Xunta non teña previsto máis que uns escasos 15 millóns de euros en investimentos para a área de Santiago, se excluímos ao concello da capital. "Unha extensión que comprende sete comarcas, preto de 30 concellos, que abrangue máis de 3.000km. cadrados e na que habitan 200.000 cidadáns", apunta Sánchez Bugallo.

Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org