Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

O deputado Sánchez Bugallo

O deputado Sánchez Bugallo

ROLDAS DE PRENSA

PROPOSICIÓN SOBRE AS AXUDAS ÁS HIPOTECAS DE VIVENDAS PROTEXIDAS

O Grupo Parlamentario dos Socialistas, a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

En moitos concellos galegos construíronse durante os últimos
anos ao abeiro dos sucesivos plans nacionais da vivenda, 2002-2005, 2005-2008, 2009-2012, miles de vivendas acollidas a distintos réximes de protección. Unha característica común aos sucesivos plans nacionais de vivenda é que as axudas se conceden por un período inicial de cinco anos, renovables automaticamente unha vez comprobado que os concesionarios seguen a cumprir os requisitos establecidos de cando lle foi concedida esta axuda.

O Goberno de España unilateralmente decidiu a través do RD
20/2012, publicado no BOE do 14 de xullo de 2012, suprimir as
axudas de subsidiación de préstamos. Esta decisión supón que non se recoñecerán as solicitudes xa formuladas pero aínda non resoltas pola Comunidade Autónoma e, o que aínda é máis grave polo volume de familias afectadas que unha vez cumprido o prazo de cinco anos non serán renovadas as concedidas con anterioridade.

Esta decisión política do Goberno do Partido Popular ten como
consecuencia que miles de familias galegas, especialmente numerosas nos casos de Vigo e Santiago, por ser as cidades onde se construíron máis vivendas protexidas: San Paio de Navia en Vigo ou Pontepedriña, Castiñeiriño, Volta do Castro, Castro de Abaixo, Pontepereda, O Avío, Salgueiriños, Meixonfrío, As Cancelas ou os polígonos 6 e 7 de Fontiñas no caso de Santiago; tamén noutras cidades galegas como pode ser Novo Mesoiro na Coruña ou tantos outros polígonos e municipios de Galicia, todos eles irán vendo como ao cumprirse ese prazo perderán a axuda do Plan nacional de vivenda e as súas hipotecas experimentarán unhas subidas dunha media de entre o 30 e o 60 %.

Trátase de vivendas protexidas e polo tanto de familias
modestas e os graves problemas derivados da crise económica deberán engadir os derivados desta subida inesperada das súas cotas hipotecarias.

Por todo o anterior o Grupo Parlamentario Socialista presenta a
seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a manter a
totalidade das axudas para a subsidiación de préstamos, incluídas as renovacións previstas para todos aqueles que a tivesen concedida con anterioridade ao 14 de xullo de 2012.

Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org