Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

AP-9

Demandan á Xunta que se interese polas ampliacións de capacidade da AP-9 na circunvalación de Santiago e na ponte de Rande

Bugallo presentou unha pregunta parlamentaria para coñecer da Xunta se está exercendo presión e se coñece os prazos de comezo. Lembra o deputado socialista que existe un compromiso do Estado e AUDASA, publicado no BOE do 24/11/11, para que a empresa acometera a ampliación de carrís e as rematara en 2014, pero, a día de hoxe, non comezaron.
O parlamentario socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, ven de presentar unha pregunta en Comisión coa fin de coñecer do Goberno información sobre a situación en que se atopa o convenio entre a Administración Xeral do Estado e Autopistas del Atlántico.

O devandito convenio, publicado no BOE do 24 de novembro de 2011 establecía, entre outras obrigas, a construción de novos carrís no tramo de circunvalación de Santiago de Compostela da autoestrada AP-9, duplicando os carrís ata as conexións de Pontevedra e Ourense, e aumentando un carril no tramo ata o polígono do Tambre.

O mesmo real decreto contemplaba a ampliación de capacidade da autopista AP-9, no tramo Cangas-enlace de Teis e a ampliación dun carril na Ponte de Rande.

A execución de todos os tramos tiñan un prazo de 36 meses desde o seu inicio.

O parlamentario socialista denuncia que aínda que existía o compromiso de rematar estas obras para o 2014, "a día de hoxe non se ten coñecemento de cando empezarán e menos aínda cando se rematarán".

O socialista pregunta á Xunta polas xestións que está a desenvolver en relación con este compromiso de Autopistas del Atlántico e o Goberno do Estado e si pode confirmar que as obras van ser executadas e en que prazos.

Recorda Sánchez Bugallo que a empresa quedara en rematar a obra en 36 meses, xa que os proxectos xa foran sometidos a exposición pública e aprobados con anterioridade.


Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org