Grupo municipal dos socialistas de Santiago


O noso deputado de Santiago

ROLDAS DE PRENSA

Esixen a Feijóo medidas de pago aprazado que permitan ás empresas acceder ao solo industrial sen recorrer aos bancos

Xosé A. Sánchez Bugallo rexeita o anuncio de Feijóo de reducir un 25% o valor das parcelas, porque, sen crédito bancario para este tipo de operacións, as empresas con necesidade de expansión ou os novos emprendedores non poden facer fronte ao prezo do solo
Propón o aluguer en opción de compra, como no Pais Vasco ou Chaves, onde ofrecen parcelas a partires de 10 cts. o metro cadrado/mes con opción de compra.

Sospeita que as parcelas soportan o endebedamento das xestures. Modalidades como o aluguer con opción de compra farían aflorar unha débeda que a Xunta ten que asumir. Bugallo esixiu a comparecencia do Director do IGVS e preguntou pola débeda de Xestur, que estiman os socialistas en 300 millóns de euros
O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda, Xosé A. Sánchez Bugallo, ven de criticar o anuncio de Feijóo de reducir en torno ao 25% o valor das parcelas de solo industrial de Galicia, xa que, a xuízo do deputado socialista, o xefe do Executivo "parte dun diagnóstico equivocado".

Explica Sánchez Bugallo que o problema non está en abaratar as parcelas mediante a rebaixa dunha porcentaxe, porque aínda así, estas quedan fóra do alcance das empresas con posibilidades de expansión ou dos novos emprendedores, porque, afirma o portavoz socialista, "non hai financiamento para mercar o solo", o que deixa esta oferta do Presidente galego só en mans dos que teñan liquidez dabondo para comprar terreo sen arriscar logo o desenvolvemento do seu negocio.

O socialista presentou en rolda de prensa unha iniciativa pola que se insta á Xunta a elaborar un programa que terá por obxecto a dinamización do solo industrial a través da implantación de medidas de pago aprazado, leasing, ou aluguer a longo prazo con opción de compra. Para elo, aclara Bugallo será necesario establecer prazos suficientemente longos como para que os emprendedores non teñan que endebedarse con esta finalidade.

A proposición no de lei socialista se completa coa petición de que se poñan en marcha viveiros de empresas, oficinas ou naves en réxime de aluguer para novos emprendedores.

O deputado socialista cifra en 3 millóns de metros cadrados o solo industrial de titularidade da Xunta. A este habería que sumar, ata acadar os 8 millóns de metros cadrados, os portos secos de Salvaterra e Monforte, ou os polígonos promovidos por SEPES ou Zona Franca de Vigo.

Sánchez Bugallo considera que logo de ter gastado tantos millóns de euros, non se pode consentir que polígonos como os de Lugo ou o de Santiago-A Sionlla sirvan para o pastoreo de gando vacún, "é un luxo asiático", aseverou, mentres amosaba unha foto ilustrando o feito denunciado.

Para o portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do GP Socialista, 165 euros ou 195 euros por metro cadrado son cantidades que agora "están fora da realidade".

Bugallo fixo neste punto referencia a experiencias postas en marcha en outros puntos de España, como o País Vasco, ou cerca de Galicia, no veciño concello portugués de Chaves, onde as parcelas industriais alúganse a 10 cts. o metro cadrado por dez anos, cun período de 20 anos para facer efectiva a compra.

O parlamentario propuxo o exemplo dunha empresa que necesitara 70.000 metros cadrados. En A Sionlla sairíalle en 12 millóns de euros, poñendo en risco o capital destinado ó propio desenvolvemento do proxecto, xa que os bancos non prestan para solo industrial. Sen embargo, en Chaves, a mesma empresa só soportaría un aluguer de 7000 euros e tería 20 anos para facer efectiva a compra.

DÉBEDA DE XESTURES
O deputado socialista rexeita a idea de que non estea ao alcance de Galicia este mesmo modelo de captación de investimento en solo industrial a través do alugueiro. Por iso, Bugallo sospeita que o problema pode agocharse no endebedamento das xestures "que non aparece ningún lado".

Sospeita que as parcelas están a soportar o endebedamento das xestures. O aluguer con opción de compra faría aflorar este endebedamento que tería que asumir a Xunta. "A obriga da Xunta é dicir canto deben as xestures", recalcou Bugallo, que adiantou que a estimación sobre a mesma dos socialistas era de 300 millóns de euros.

Os socialistas presentaron unha pregunta oral en Comisión sobre a débeda de Xestur nas catro provincias, especificando as débedas correspondentes á débeda bancaria, débeda a provedores por obras e servizo e débeda a expropiados.

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda anunciou tamén que xa solicitaron a comparecencia do novo Director Xeral do Instituto Galego da Vivenda e do Solo na Cámara galega para que explique que vai facer no futuro.

Volver

filiate



PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org